Día Internacional da Muller 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / UVigo - Igualdade 08/03/2021

«Mudamos o mundo desde o feminismo: aprendemos a mirar»

Hoxe, 8 de marzo, a Universidade de Vigo celebra o Dia Internacional da Muller co lema «Mudamos o mundo dende o feminismo: aprendemos a mirar». Este representa a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero na universidade e unha mirada crítica nas desigualdades das mulleres en todas as esferas de realización social (poder, educación, economía, saúde, cultura, construción da subxectividade, relacións sociais, dereitos, ciencia...). 

Ao longo da historia, a moitas mulleres negáronselles as súas achegas ou víronse obrigadas a cederlles as autorías dos seus descubrimentos aos seus compañeiros homes. A experiencia e o pensamento feminino estiveron oprimidos durante moitos anos, o que provocou que as persoas medrasen nunha realidade social baseada tan só no punto de vista masculino. Este androcentrismo social determinou que posición ocupaba a muller na sociedade e en que espazos podía ser aceptada ou excluída. Os movementos feministas poñen no centro dos debates epistemolóxicos a multiplicidade de formas de coñecer.

Na actualidade, a igualdade de xénero non avanza de forma igualitaria en todo o mundo. Sabemos que a cultura, a zona xeográfica ou a situación social en que unha muller se atope dará lugar a que exista unha maior ou unha menor explotación, opresión, exclusión e  discriminación. É por isto que debemos concienciarnos da grande importancia que supón a participación da comunidade educativa nos movementos políticos, culturais, económicos e sociais, cuestionando a orde simbólica e estrutural establecida entre home e muller e poñendo fin a calquera resistencia androcéntrica presente na sociedade. 

Desde a Unidade de Igualdade e a Área de Responsabilidade Social e Cooperación, á vista do obxectivo 5 «Igualdade de xénero» da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, hoxe cómpre agradecermos a implicación activa das docentes e das investigadoras a prol da igualdade de xénero na Universidade de Vigo. Ademais de axudar a combater o «efecto Matilda» na ciencia, estas fomentan as vocacións científicas e tecnolóxicas nas mulleres e converten a nosa universidade nun espazo máis igualitario e feminista.

Icona do ODS 5 Igualdade de xénero

 

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal

Unidade de Igualdade
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal