Día Internacional da Solidariedade Humana 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 19/12/2021

A  Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou en 2006 o Día Internacional da Solidariedade Humana, que se conmemora o 20 de decembro de cada ano. 

Esta data ten como idea esencial que as persoas máis desfavorecidas poidan recibir axuda daquelas con mellor capacidade económica, precisamente porque existe unha desigualdade entre os diferentes colectivos.

Aínda que a solidariedade é un apoio a unha causa ou a un interese alleo, que se dá especialmente en situación difíciles, pode estar presente en calquera situación da vida diaria mediante pequenos xestos: colaborar cunha ONG, participar en campañas de doazón de sangue, intervir en programas de voluntariado ou aprender primeiros auxilios para axudar cando é preciso.

O Día Internacional da Solidariedade Humana é, entre outras cousas, unha data para sensibilizar as persoas sobre a importancia da solidariedade, fomentar o debate arredor das formas de promovela para o logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible e principalmente para actuar e procurar novas iniciativas para a erradicación da pobreza (ODS 1) e a redución das desigualdades (ODS 10).

A Universidade de Vigo entrega hoxe, coincidindo co día da Solidariedade Humana, os Premios Consello Social UVigo_Humana a persoas e a institucións que teñan sobresaído polo seu labor solidario ou de cooperación.

A entrega de premios pódese seguir en directo, a partir das 12.00 h, a través da canle 1 de UVigoTV.
 

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal