17 de maio

Día das Letras Galegas

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / Universidade / UVigo - ANL 16/05/2019

O galego, lingua da sostibilidade

O Día das Letras Galegas rende homenaxe este ano a Antonio Fraguas pola súa defensa da lingua como idioma de expresión válido para tratar calquera ámbito de coñecemento e pola coherencia do seu percorrido vital a prol da cultura galega. 

A defensa da cultura galega baixo o prisma da Axenda 2030

O cuarto Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS 4) da Axenda 2030 persegue garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todas as persoas.

Se ben este obxectivo se focaliza na educación como medio para reducir as desigualdades e fomentar a tolerancia e a creación de sociedades máis pacíficas, na meta 4.7 establécese explicitamente que o estudantado debe adquirir os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover e valorar a diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sostible.

A Axenda 2030 desborda o principio meramente ambiental e económico recoñecendo a cultura como un elemento nuclear para acadar sociedades máis sostibles. A sostibilidade do planeta pasa, xa que logo, pola protección do medioambiente, pola redución das desigualdades, por un progreso harmónico e pola xeración de alianzas robustas, mais tamén pola defensa da diversidade lingüística e cultural.  

Dende Galicia debemos contribuír ao desenvolvemento sostible apelando ao valor da  diversidade cultural e do plurilingüísmo a través da protección e promoción do noso idioma. Apoiando e normalizando a lingua galega contribuímos a facer un mundo máis sostible e inclusivo, ademais de participar na construción dunha Europa, e por extensión dun mundo, baseada nos principios da non discriminación e da igualdade de todas as persoas.

Neste sentido, a Universidade de Vigo conta coa Área de Normalización Lingüística que ten como principal misión protexer, promover e dinamizar o uso da lingua galega dentro da comunidade universitaria.
 

Máis información:

Área de Normalización Lingüística
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal