Día das Microempresas e das Pequenas e Medianas Empresas

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 26/06/2020

O 6 de abril de 2017, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou celebrar cada 27 de xuño o Día das Microempresas e das Pequenas e Medianas Empresas co obxectivo de recoñecer a súa importancia para a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030 e para salientar a necesidade de facilitarlles o acceso aos créditos e ao financiamento.

Á hora de distinguir entre estes tres tipos de empresa, tamén coñecidos como pemes, o Regulamento 651/2014 da Comisión Europea dános as seguintes claves:

  • Microempresa: ocupa menos de dez persoas e ten un volume de negocios anual ou un balance xeral anual inferior aos 2 millóns de euros.
  • Pequena empresa: ocupa menos de 50 persoas e ten un volume de negocios anual ou un balance xeral anual inferior aos 10 millóns de euros.
  • Mediana empresa: ocupa menos de 250 persoas e ten un volume de negocios anual ou un balance xeral anual inferior aos 43 millóns de euros.

As pemes son fundamentais para a consecución de todos os ODS,  pois á parte de representar máis do 90 % do total das empresas, crean a meirande parte dos postos de traballo (60-70 % do emprego) e xeran o 50 % do produto interior bruto (PIB) mundial. Ademais, estas empresas son grandes aliadas para frear a pobreza, a discriminación e a exclusión social e en moitas zonas rurais son a única fonte de emprego. 

As pemes amosan continuamente a súa capacidade para se adaptar aos cambios que acontecen no mundo. Porén, a crise sociosanitaria a raíz da covid-19 provocou que moitos negocios estean atravesando unha grave situación económica ou mesmo estean a piques de pechar.

No marco desta situación de crise para as nosas pemes, desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo unímonos a esta celebración e animámosvos a que fagades uso do comercio local, acudindo aos negocios da nosa contorna. Cun simple xesto podemos, entre todos e todas, axudar a milleiros de familias.
 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal