Día Mundial contra o Cancro

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 29/01/2020

O 4 de febreiro é o Día Mundial contra o Cancro, data que ten o fin de concienciar a sociedade e instar aos poderes públicos para que se adopten medidas contra esta enfermidade.

O cancro é unha das principais causas de morte no mundo e, en España, é a segunda causa por detrás das enfermidades do sistema circulatorio. No 2019, detectáronse arredor de 275.562 novos casos, cifra que segundo as estimacións da Asociación Española Contra o Cancro podería aumentar cada ano ata chegar aos 370.913 novos casos no 2040. 

O cancro é unha enfermidade que aparece sen ter en conta a idade, sexo, localización xeográfica ou situación socioeconómica da persoa. Sen embargo, respecto a localización xeográfica, as estatísticas amosan, unha vez máis, a desigualdade entre os países ricos e os países en vías de desenvolvemento, con resultados desproporcionadamente distintos nuns países e noutros.

A Organización Mundial da Saúde sinala que arredor do 70 % das mortes por cancro se rexistran en países de ingresos medios ou baixos. Ademais, no ano 2017 só o 26 % destes países contaba cunha sanidade pública con servizos de patoloxía. A porcentaxe de habitantes destes países que recibe un tratamento oncolóxico é inferior ao 30 %, mentres que nos países con ingresos altos a cifra é dun 90 %.

A Axenda 2030 salienta no obxectivo número 3 (ODS 3) a necesidade de garantir unha vida sa e promover o benestar para todos/as en todas as idades. Precisamente, unha das metas deste ODS é, de aquí ao ano 2030,  reducir nun terzo a mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles a través da prevención e o tratamento.

Desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, unímonos á celebración desta data e aproveitamos para salientar a importancia da investigación científica neste eido e da realización de proxectos de cooperación internacional que buscan «non deixar a ninguén atrás» na loita contra o cancro.

 

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es

 

ODS 3 Saúde e benestar