Día Mundial da Saúde

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 03/04/2020

O Día Mundial da Saúde xorde no 1948, cando na Primeira Asemblea Mundial da Saúde se propón celebrar esta data para conmemorar a fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Desde 1950, todos os 7 de abril celebramos esta data, a cal se centra cada ano nunha temática de saúde de relevancia para a comunidade internacional.

2020 é o Ano Internacional do Persoal de Enfermaría e de Partería. Con este motivo, o Día Mundial da Saúde ten o obxecto de darlle visibilidade e fortalecer o papel fundamental que este grupo de profesionais exerce nos servizos de saúde.

Esta reivindicación é máis importante ca nunca no actual contexto que vivimos por mor da crise da COVID-19. O persoal sanitario, entre o que se atopa o persoal de enfermaría e partería homenaxeado, está na primeira liña de batalla poñendo en risco a súa propia saúde para salvar as nosas.

Desde a Universidade de Vigo, unímonos á celebración desta data e reivindicamos e agradecemos a importante labor de todos e todas as profesionais que traballan pola nosa saúde e que son fundamentais para acadar o obxectivo de desenvolvemento sostible número 3 da Axenda 2030, isto é  «garantir unha vida sa e promover o benestar para todos e todas a calquera idade».

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es