Día da Solidariedade Humana

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 18/12/2019

Como temos comprobado noutras campañas, a celebración dos días internacionais supoñen unha oportunidade para sensibilizar a cidadanía sobre temas de gran transcendencia para a humanidade e sobre a enorme cantidade de problemas sen resolver, chamando a atención dos medios de comunicación e dos propios gobernos para que tomen as medidas oportunas. 

Baixo este espírito, no ano 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 20 de decembro como o Día Internacional da Solidariedade Humana co propósito de celebrar a unidade do planeta na súa diversidade e facer lembrar aos nosos gobernos o seu compromiso cos acordos internacionais e promover, en consecuencia, a solidariedade en todos os ámbitos para acadar un desenvolvemento sostible.

A Universidade de Vigo, co gallo da Axenda 2030, quere implicar a toda a comunidade universitaria nesta campaña pondo o centro nas persoas. A solidariedade pode estar presente no noso día a día mediante pequenos xestos como colaborar cunha ONG, participar en campañas de doazón de sangue, intervir en programas de voluntariado o aprender primeiros auxilios para axudar cando é preciso.

Convidámoste a manterte informado e informada sobre os programas da Universidade de Vigo que avogan pola solidariedade. A través da colaboración de todas e todos conseguiremos acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (ODS). Non podemos esquecer que a solidariedade é un valor fundamental e universal  que debe soster as relacións entre as persoas no século XXI. 

 

Máis información:

Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal