Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía

Xosé H. Vázquez Vicente

 

É profesor da Universidade de Vigo desde 1997 na Área de Organización de Empresas, con actividade docente e investigadora centrada na estratexia, a innovación e o cambio organizativo.

Os resultados do seu traballo foron publicados en revistas de referencia en teoría da organización (Organization Science e Organization Studies), dirección de operacións (Journal of Operations Management, Computers & Operations Research e IEEE Transactions in Engineering Management), estratexia da I+D e innovación (Research Policy, Long Range Planning e Strategic Change), así como en canles orientadas a persoas directivas en grandes corporacións e administracións públicas (Harvard Business Review, Regional Studies e Climate Policy).

A colaboración con organizacións públicas e privadas é un eixe central da súa traxectoria: cooperou con institucións como o Banco Interamericano de Desenvolvemento, a Xunta de Galicia (IGAPE, GAIN, ACIS e distintas consellerías), o Consorcio da Zona Franca de Vigo e empresas e centros tecnolóxicos como Stellantis, Pescanova, Jealsa, Syngenta, CETMAR ou TECNALIA.

No eido do servizo académico, foi presidente da Asociación Española de Economía e Dirección de Empresas, membro do equipo xestor da área de Economía da Axencia Estatal de Investigación e conselleiro do Consello Económico e Social de Galicia.

Concibe a universidade como unha institución esencial para o progreso económico, social e democrático. Defende unha gobernanza baseada na autonomía responsable, a rendición de contas e a liberdade académica, capaz de anticipar e de darlles resposta aos grandes desafíos do futuro.

  • A elaboración, coordinación, seguimento e avaliación dos instrumentos de planificación institucional.
  • O impulso das políticas de gobernanza universitaria, modernización e mellora continua da organización.
  • A coordinación dos sistemas institucionais de información, gobernanza do dato, análise institucional, indicadores, cadros de mando, transparencia, rendición de contas e avaliación institucional.
  • A coordinación da planificación económica e financeira da universidade, en colaboración coa Xerencia, incluíndo a programación plurianual, a sustentabilidade orzamentaria e a integración da planificación financeira coa estratexia institucional.
  • A definición e coordinación da estratexia institucional de transformación dixital da universidade.
  • A promoción e coordinación institucional dos proxectos estratéxicos transversais da universidade, especialmente dos vinculados á transformación organizativa, á innovación institucional e á captación de financiamento competitivo.
  • A coordinación das políticas institucionais de carácter transversal cando requiran a participación conxunta de distintos órganos de goberno, garantindo a súa coherencia coa estratexia da universidade.


Axenda

Axenda
 

Eugenia María Rodríguez González
Secretaría
+34 986 813 440
vicestratexia@uvigo.gal

 

Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 440
vicestratexia@uvigo.gal