Plan estratéxico
Motivación
A posta en marcha dun plan estratéxico para unha institución tan ampla e diversa como unha universidade é ante todo un traballo de reflexión conxunta de todos os colectivos da institución e tamén dos axentes sociais próximos a ela. Ao longo deste proceso revisaranse os obxectivos marcados polo anterior plan así como o grao de cumprimento acadado e estableceranse unha visión e unha proxección da institución cara ao futuro.
A través do seu Plan estratéxico, a Universidade de Vigo, no seu conxunto, ten a oportunidade de fixar onde e como se desexa ver dentro de 5 anos e definir as políticas e as medidas que se deben implantar para facer realidade ese obxectivo .
Aínda que estea pendente de aprobación final, nas xuntanzas de traballo do Plan estratéxico xa se elaborou unha proposta de misión e de visión que se lles presentou ao Claustro e ao Consello de Goberno.
- Misión
Contribuír á mellora da vida das persoas e da súa contorna socioeconómica a través da docencia, da investigación e da transferencia de coñecemento.
- Visión
A Universidade de Vigo é una institución pública, autónoma, aberta ao contorno e con vocación internacional, que promove a igualdade, a pluralidade, a accesibilidade, a sostibilidade, a transparencia, o progreso económico e o benestar social de Galicia.
A institución persigue este reto mediante unha ensinanza e unha investigación de calidade coas que contribuír á creación e á transferencia do coñecemento ao tecido socioeconómico e empresarial, á formación integral das persoas, ao desenvolvemento, á innovación e ao crecemento intelectual da sociedade pluricultural e plurilingüe na que se insire.
Pretende ser unha universidade caracterizada por un goberno transparente e participativo, centrada na satisfacción integral do estudantado e do persoal, na captación de talento e nun maior grao de recoñecemento internacional no ámbito das humanidades, xurídico-social, das ciencias experimentais, das ciencias da saúde e da enxeñaría.
Tramitación do plan
O Plan estratéxico da Universidade de Vigo está en fase de elaboración. Na sesión do Claustro Universitario do 6 de febreiro de 2019, no punto 5 da orde do día, aprobouse o procedemento de elaboración do Plan Estratéxico. Os traballos de realización do plan comezaron na sesión do Claustro do 5 de xullo de 2019 co nomeamento dos membros do Comité de Dirección.
Metodoloxía de traballo
O procedemento de elaboración do Plan estratéxico aprobado polo Claustro inclúe as seguintes fases:
- Fase 1: Análise estratéxica: o responsable será o Claustro a través do seu Comité de Dirección
- Fase 2: Formulación estratéxica con traballo dos comités específicos
- Fase 3: Validación
- Fase 4: Debate e de aprobación primeiro no Claustro, despois polo Consello de Goberno e, finalmente, polo Consello Social
O Plan estratéxico está dirixido por un Comité de Dirección nomeado polo Claustro. Este comité, presidido polo reitor, elaborará a proposta do texto que deberán aprobar os diferentes estamentos. Para aumentar a participación dos axentes internos e externos, así como para poder cubrir en detalle os diferentes aspectos da universidade, o Comité Director propuxo a creación de tres grupos de traballo ou comisións específicas:
- Comisión 1: Organización académica, titulacións e internacionalización
- Comisión 2: Investigación, transferencia e cooperación internacional
- Comisión 3: Infraestruturas, xestión, relación co entorno e sostibilidade
Cada unha destas tres comisións está formada por membros do actual Equipo de Goberno, axentes da universidade directamente implicados (administradores/as, xefes/as de servizo, IP de grupos de investigación etc.), representantes do PDI, do PAS e do estudantado, do Consello Social e da sociedade. Os traballos que están a facer estas comisións enviaráselle posteriormente ao Comité de Dirección para que o integre dentro da proposta do Plan estratéxico.
Documentación de referencia
En gran medida, a elaboración dun plan estratéxico é un traballo de reflexión, de autocrítica e de innovación que só se pode facer desde a propia institución e polos seus grupos de interese. Non obstante, coma parte esencial deste traballo, é imprescindible a busca e o emprego de referentes externos, indicadores, informes etc. Algúns deles son:
- O Plan estratéxico da Universidade de Vigo 2008-2012
- O Plan operativo de xestión 2008-2012
- Os informes da CRUE
- As cifras e os informes internos da Universidade de Vigo realizados pola Unidade de Análises e Programas
- A web RIS3 Xunta de Galicia
- A web da Axenda para o desenvolvemento sostible das Nacións Unidas