Probas de acceso á universidade

NERTA, a plataforma da Xunta para as preinscricións

NERTA é a aplicación informática que xestiona o acceso ao sistema universitario de Galicia (SUG), en concreto, as probas acceso á universidade (ABAU, maiores de 25 anos e maiores de 45 anos) e o proceso de admisión aos ensinos universitarios oficiais de grao.

Acceder a NERTA

 

Unha vez finalizado o bacharelato, para poder acceder a un grao universitario, o estudantado deberá superar a Avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU) que organiza a Ciug.

Tamén deberán realizar a parte voluntaria desta proba, aquelas persoas que necesiten mellorar a súa cualificación.

Texto completo da convocatoria
 

  • Estrutura da proba

A ABAU estrutúrase en dúas partes:

Parte obrigatoria:

Está formada polas catro materias xerais do bloque de materias troncais (Lingua Galega e Literatura II, Lingua Castelá e Literatura II, Historia de España II e Primeira Lingua Estranxeira II) e a materia troncal da modalidade correspondente (Fundamentos da Arte II, Matemáticas II, Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais II ou Latín II).

Parte voluntaria:

O alumnado de bacharelato que queira mellorar a súa cualificación de admisión poderá examinarse dun máximo de catro materias que elixirá de entre o resto de materias das que non se examinou na parte obrigatoria, que ponderen segundo as táboas de ponderación publicadas pola CIUG para cada titulación.

O alumnado que acceda a través dun Grao Superior de Formación Profesional poderá tamén presentarse a parte voluntaria para subir a súa nota de admisión. 

O exame de cada materia terá unha duración de 90 minutos cun descanso de 30 minutos entre probas consecutivas, de acordo co horario que figura no Anexo III da Convocatoria de matrícula ABAU.

  • Data de realización das probas

Convocatoria ordinaria: 4, 5 e 6 de xuño de 2024

Convocatoria extraordinaria: 2, 3 e 4 de xullo de 2024

  • Revisión das calificacións 

O alumnado poderá solicitar a revisión da cualificación obtida nun ou en varios exames no prazo de tres días contados a partir da data de publicación das cualificacións. Neste proceso de revisión as modificacións das cualificacións poden ser tanto á alza como á baixa. 
O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións (o ultimo días ata as 14:00 h).

As solicitudes de revisión faranse a través da aplicación informática Nerta, empregando o seu código de acceso. O alumnado deberá gardar copia da súa solicitude en calidade de resgardo e xustificación de presentación desta.

Poderán concorrer a esta proba as persoas maiores de 25 anos de idade no ano natural no que se celebre a proba, que non posúan ningunha titulación académica que dea acceso á universidade por outras vías.

A proba estructúrase en dúas fases:

Fase xeral

Comprenderá catro exercicios:

1.º Exercicio: Comentario dun texto ou desenvolvemento dun tema xeral de actualidade.
2.º Exercicio: Lingua castelá.
3.º Exercicio: Lingua galega.
4.º Exercicio: Lingua estranxeira, elixible entre: alemán, francés, inglés, italiano ou portugués.

Os candidatos e candidatas que acrediten residencia fóra de Galicia por un período ininterrompido superior aos catro últimos anos, poderán solicitar, no momento de se matricularen, a exención do exercicio de lingua galega. Será a Ciug a que comunicará a concesión ou non da exención.

Fase específica

A fase específica estruturarase nas cinco opcións seguintes vinculadas coas cinco ramas do coñecemento:

Opción A: Artes e Humanidades
Opción B: Ciencias
Opción C: Ciencias da Saúde
Opción D: Ciencias Sociais e Xurídicas
Opción E: Enxeñaría e Arquitectura

A fase específica constará de dúas materias obrigatorias para cada opción e unha materia optativa para escoller polo estudantado no momento de matricularse entre as materias que se ofertan para cada opción.

 

Opcións Obrigatorias Optativas
Opción A
Artes e Humanidades
Historia da Arte
Xeografía
Debuxo Artístico
Latín
Literatura Universal
Volume
Opción B
Ciencias
Matemáticas
Química
Bioloxía
Ciencias da Terra e Ambientais
Física
Opción C
Ciencias da Saúde
Bioloxía
Química
Ciencias da Terra e Ambientais
Física
Matemáticas
Opción D
Ciencias Sociais e Xurídicas
Historia do Mundo Contemporáneo
Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais
Economía da Empresa
Literatura Universal
Xeografía
Opción E
Enxeñaría e Arquitectura
Física
Matemáticas
Ciencias da Terra e Ambientais
Debuxo Técnico
Química

Os candidatos e candidatas deberán realizar a fase específica na opción da súa elección, no caso de empate corresponderalles preferentemente, a efectos de ingreso, aquelas ensinanzas universitarias oficiais de grao ofertadas polas universidades que estean vinculadas a cada unha das opcións.

Cada un dos exercicios da fase xeral e da específica terá unha duración máxima dunha hora e media. Establecerase un intervalo mínimo de 30 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.

Poderase empregar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes a lingua castelá, lingua galega e lingua estranxeira deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.

 

 

A proba terá como obxectivo apreciar a madurez e idoneidade dos candidatos e candidatas para seguiren con éxito estudos universitarios, así como a súa capacidade de razoamento e de expresión escrita.

Comprenderá tres exercicios:

1.º Exercicio: Comentario dun texto ou desenvolvemento dun tema xeral de actualidade.
2.º Exercicio: Lingua castelá.
3.º Exercicio: Lingua galega.

Quen supere a proba deberá realizar unha entrevista persoal no lugar que determine a comisión organizadora. Do resultado da entrevista deberá elevarse unha resolución de apto ou apta como condición necesaria para a posterior resolución favorable de admisión da persoa interesada.

Ademais, o estudantado deberá presentar, xunto á solicitude de matrícula, un currículum vitae para seren empregado na entrevista persoal.

Quen acredite residencia fóra de Galicia por un periodo ininterrompido superior aos catro últimos anos, poderá solicitar, no momento de se matricular, a exención do exercicio de lingua galega. Será a CIUG a que comunicará ás persoas candidatas a concesión ou non da exención.

Cada un dos exercicios da proba terá unha duración máxima dunha hora e media. Establecerase un intervalo mínimo de 30 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.

Para a realización dos exercicios poderanse empregar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma. Os exercicios correspondentes a lingua castelá e lingua galega deberán desenvolverse nos seus respectivos idiomas.

 

Xestións asociadas ás probas

Traslado de expediente

O estudantado que superase a proba de acceso na Universidade de Vigo e desexen iniciar estudos noutra universidade, deberán solicitar traslado de expediente. Premendo no seguinte botón accederás á información sobre o procedemento que cómpre seguir.

Traslado de expediente ABAU

 

Solicitude dun duplicado da tarxeta de selectividade/ABAU

Selectividade realizada antes de 1993

Se fixeches a proba de acceso á universidade en Galicia antes do ano 1993, a solicitude de duplicado debe facerse á Universidade de Santiago de Compostela por correo electrónico a sxa@usc.gal 


Selectividade/ABAU realizada a partir de 2010

Se fixeches a selectividade ou a ABAU no ano 2010 ou posteriormente, podes solicitar un duplicado da tarxeta na CIUG por correo electrónico a ciug@ciug.gal


Selectividade/ABAU realizada de 1993 a 2009 ou solicitude dun duplicado exclusivamente para levar á notaría ou para a apostila da Haia

  • Entrar en https://matricula.uvigo.es e darse de alta na secretaría virtual do estudantado da Universidade de Vigo.
    Unha vez rematada a alta, e sen sair da aplicación, picar no apartado "Autoliquidacións" da secretaría (menú da esquerda-Apartado taxas) e xerar as taxas de traslado de expediente ou de certificación de selectividade.
    Escoller a forma de pago (tarxeta ou efectivo). No caso de efectivo, o programa xerará un PDF, con varias páxinas, que haberá que imprimir e levar ao banco indicado para facer o pago requirido.
  • Enviar ao SIE (no caso de realizar a proba en Vigo) ou as áreas de servizos á comunidade de Ourense (se a proba se realizou en Ourense) ou de Pontevedra (no caso de realizar a proba en Pontevedra) a documentación requirida en cada caso.

 
Documentación necesaria

  • Resgardo de pagamento das taxas de emisión de certificado (selado polo banco no caso de pago en efectivo)
  • Fotocopia do DNI


Presentación da documentación 

A documentación enviarase por correo electrónico ao campus correspondente:

 

Persoal colaborador nas probas de acceso á universidade

Cada ano a Ciug solicítalle á Universidade de Vigo que seleccione persoal non docente para actuar nas comisións delegadas da proba ABAU con sede nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Convocatoria 2024

 

Máis información

Sección de Información a Estudantes
Edificio Redeiras
Praza do Berbés, núm. 11
36202 Vigo
+34 986 813 630 | 986 813 755
sie@uvigo.gal