STEMbach na UVigo

Imaxe de moitos cables conectados


As escolas e facultades da Universidade de Vigo que desexen participar no STEMbach deberán enviar o anexo I antes do 7 de xuño a stembach@uvigo.es. A coordinación STEMbach da Uvigo publicará a oferta de proxectos 2019/2021 dos centros na web do proxecto STEMbach. 

Os centros educativos contactarán coa coordinación STEMbach para solicitar o proxecto proposto e, segundo as necesidades dos centros educativos e, en coordinación con eles, concretaranse os proxectos de investigación así como as actividades complementarias. 

Unha vez asignado o proxecto a un centro educativo, a Universidade de Vigo emitirá un certificado que acredite a súa participación e a súa colaboración coa Universidade de Vigo. Este certificado enviarase á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para que se teña en conta na valoración das solicitudes presentadas polos centros educativos. 

Unha vez publicada a resolución definitiva dos centros docentes autorizados para implantar o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, a coordinación STEMbach do centro enviará á coordinación STEMbach da UVigo o anexo II por cada uno dos proxectos de investigación que desenvolverán, para a súa publicación na web.

Recomendacións e condicións para participar no STEMbach e elaborar as propostas 
 

Presentarase unicamente unha proposta de proxecto STEM por escola ou facultade. Cada escola ou facultade participante nomeará unha persoa responsable da coordinación que será o enlace entre os centros de educación e a Universidade de Vigo.

Cada escola ou facultade poderá establecer as súas propias bases para organizar, implantar e desenvolver os proxectos, sempre que se cumpran as bases da convocatoria STEMbach da Xunta de Galicia e as establecidas nas presentes bases pola Universidade de Vigo.

O número de proxectos de investigación que ofertará a escola ou facultade será suficiente para atender o total do alumnado do STEMbach do centro educativo asignado. Cómpre ter en conta que o máximo de alumnos e alumnas por proxecto de investigación será de catro.

STEMbach inclúe a realización dunha serie de actividades complementarias de formación organizadas polo centro, en colaboración coas universidades. Estas actividades terán unha duración estipulada ao longo dos dous cursos de 20 horas e levaranse a cabo fóra do horario ordinario do alumnado.

A Universidade de Vigo establece tres tipos de actividades complementarias:

  • Actividades de universidade
    Actividades complementarias enfocadas a que os e as estudantades poidan coñecer de primeira man a docencia, a investigación e a transferencia que se realiza nos diferentes ámbitos STEM da Universidade de Vigo.
  • Actividades de centro
    O centro poderá propoñer as actividades complementarias  que considere necesarias para o desenvolvemento do seu proxecto.
  • Actividades de proxecto
    Cada proxecto de investigación poderá propoñer as actividades complementarias que considere necesarias para o desenvolvemento do proxecto de investigación. 

O proxecto de investigación será unha ferramenta de aprendizaxe útil para que o alumnado se inicie nas actividades de investigar, escribir e expoñer oralmente. 

O proxecto de investigación, desde unha perspectiva metodolóxica, trasladará o obxectivo dunha formación práctica en contidos e a iniciación á investigación. Tamén permitirá experimentar cos diferentes métodos de investigación, favorecer o pensamento crítico e creativo, o interese pola investigación, a tecnoloxía e a innovación e a capacidade de análise e reflexión. 

Un profesor ou profesora da Universidade de Vigo con carga docente no POD dirixirá cada proxecto de investigación. 

Nos casos nos que o proxecto así o requira, os proxectos de investigación poderán estar codirixidos. Neste caso poderán participar na codirección outros membros da comunidade universitaria así como persoas pertencentes a entidades sociais, asociacións e institucións necesarias para desenvolver o proxecto.

A persoa responsable da dirección do proxecto comprométese a desenvolver os labores de ensinanza teórica e práctica necesarias para completar o proxecto. Así mesmo, comprométese ao seguimento e supervisión da memoria e defensa oral do proxecto. Encargarase de preparar unha memoria final despois de rematar o proxecto segundo o modelo que se recolle no anexo III e asume o compromiso de desenvolver e impulsar este proxecto, polo menos durante dous cursos escolares continuados de xeito que todo o alumnado complete o seu ciclo formativo.

O proxecto de investigación será obxecto dunha defensa pública ante un tribunal.

Con anterioridade ao inicio do segundo curso, a Universidade de Vigo fará públicos os criterios de avaliación e de cualificación, que se basearán no proceso, na memoria escrita e na exposición oral. 

O alumnado realizará unha defensa do traballo en sesión pública e en período lectivo cunha duración máxima de 15 minutos e cun espazo de debate de ata 15 minutos.
 
A comisión avaliadora do traballo de investigación estará composta pola persoa directora do centro educativo, o/a responsable da coordinación do programa e unha persoa da Universidade de Vigo que colabore no proxecto e distinta da que codirixe o traballo.

O profesorado da Universidade de Vigo que participe no proxecto STEMbach comprométese á participar nas comisións avaliadoras doutros traballos de investigación.

A Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria certificará a participación no proxecto, unha vez entregada e avaliada a memoria final do proxecto. 

Beneficios do certificado para o profesorado universitario titor do traballo de investigación:

  • Recoñecemento do seu labor docente no STEMbach para efectos de valoración no complemento retributivo de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora como actividade de formación tutelada oficialmente recoñecida.
  • Recoñecemento do seu labor docente no STEMbach para efectos de valoración en DOCENTIA como actividade de formación tutelada oficialmente recoñecida.

Beneficios do certificado para o profesorado universitario que conforme os tribunais do traballo de investigación:

  • Recoñecemento do seu labor docente no STEMbach para efectos de valoración no complemento retributivo de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora.
  • Recoñecemento do seu labor docente no STEMbach para efectos de valoración en DOCENTIA.

 

Logotipo de STEMbach

 

Máis información

Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 586
stembach@uvigo.es