DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia celebrada este xoves no campus

Alumnado de Infantil coñece as oportunidades laborais que ten en Alemaña

Estivo aberta tanto a alumnado de grao e mestrado como a egresadas e egresados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 24/02/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este mércores pola tarde unha conferencia sobre oportunidades laborais para alumnado de Educación Infantil en Alemaña. As e os estudantes de grao e mestrado e as e os egresados nesta titulación que se achegaron puideron coñecer as ofertas de inserción laboral existentes nese país, as súas condicións e os requisitos previos para acceder a elas. “Esta conferencia de orientación e inserción laboral encádrase dentro dunha liña de acción de formación específica do Programa de Acción Titorial-ANEAE da nosa facultade. A súa particularidade e obxectivo foi buscar achegar a alumnado e egresados outra alternativa laboral enfocada nas escolas internacionais (fóra de España) como unha posibilidade. O feito de que coñezan esta e outras alternativas permitiralles planificar e orientar a súa formación académica”, sinalan desde a organización da actividade.

O conferenciante, David Requena, de Global Working, explicoulle concretamente ao público asistente os requisitos que precisan para facer entrevistas nas escolas de educación infantil en Alemaña, como poden acadar o nivel B1 de idioma alemán esixido e os pasos que deberían dar para acadar o obxectivo de poder traballar nese país cun contrato indefinido como mestras e mestres de Educación Infantil. Esta acción será completada con outra xornada de formación e orientación laboral que se realizará na Facultade de Educación e Traballo Social o 6 de abril e na que se presentará ao alumnado outras alternativas de inserción laboral, tales como o emprendemento, a presentación a concursos-oposicións en España e a continuación coa vida académica a través dos estudos de posgrao.