En todos os eidos do coñecemento, a Xunta de Galicia recoñece os mellores expedientes académicos da Universidade de Vigo e faino con nome de muller. Dos 22 galardoados na institución viguesa 17 son alumnas e tan só 5 alumnos, un esquema que reflicte a puxante presenza feminina en eidos que tradicionalmente eran masculinos, como o científico e o tecnolóxico. Con todo, as enxeñarías seguen sendo terreo dos homes xa que, a excepción de Enxeñería Industrial, os premios fin de carreira neste campo lévannos os mozos.
Para moitas das premiadas a transformación nas aulas é evidente, como explica Noelia López, premio Fin de Carreira en Comunicación Audiovisual, que apunta que “é algo representativo do cambio que se leva producindo xa desde hai anos no panorama universitario, non só galego senón tamén español. Para Lucía Abalo, premio en Enxeñería Industrial, "non existen diferenzas neste sentido, non na miña xeración; descoñezo como eran as cousas antes pero o máis desexable é que chegue o momento no que teñamos nin que consideralo, porque seguir dándolle voltas a este tipo de estatísticas fai que o debate siga presente, cando o fundamental é o esforzo".
26/06/2012