Tras once anos traballando na sensorización, o grupo Bergé creou Ecofloat Galicia, unha empresa de I+D+i que en próximos meses inaugurará novas instalacións en Santa Uxía de Ribeira nas que se prevé traballen ata 30 persoas, na súa maior parte titulados da Universidade de Vigo procedentes das escolas de Enxeñaría Industrial e Telecomunicación.
A día de hoxe, nas súas dispersas instalacións de Pobra do Caramiñal, Ecofloat Galicia emprega xa once titulados superiores da Universidade de Vigo na que, como afirma Juan Antonio Cruz, director xeral da empresa “tras contactar con outras institucións académicas, atopamos as maiores garantías”. Froito deste vínculo e co fin de reforzalo, o reitor da Universidade de Vigo, Albergo Gago e o presidente do grupo Bergé, Jaime Gorbeña, asinaron dous convenios, un de colaboración e outro para a creación da Cátedra Ecofloat Galicia.
20/02/2008