O ciclo de artes escénicas Interzonas que organiza a Vicerreitoría do campus co obxectivo de crear un lugar de encontro entre creadores galegos e de outros territorios, continuou a súa andaina coas actuacións dos artistas Diego Anido e Germán Díaz na Casa das Campás. Un humorista e o outro músico, ambos ofreceron un agradable espectáculo no que os protagonistas foron unha neveira, unha zanfona, unha caixa de música e un órgano de babaria, ferramentas que deron lugar, no primeiro caso, a unha peza de teatro e, no segundo, a unha serie de melodías de innegable calidade. Trátase de pezas creadas nos ocos, nas fendas das programacións convencionais, que viven en terra de ninguén, entre augas e que se caracterizan polo risco, a hibridación e a procura de novos espectadores.
18/04/2008