DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Empresariais e Turismo entrega os galardóns do seu concurso fotográfico co gallo do 8M

Catro fotos para reivindicar a “muller actual” e a igualdade

As 21 imaxes presentadas están expostas no centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 04/04/2024

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense puxo en marcha o concurso fotográfico A muller de hoxe, no que convidaba a presentar propostas sobre “a muller actual, a que traballa na casa e fóra dela, a que dirixe unha empresa e tamén unha familia”. As 21 imaxes presentadas están expostas desde hai un mes no centro e o público, co seu voto, puido elixir as obras gañadoras.

As e os galardoados recibiron esta semana o seu premio, un teléfono intelixente, de mans da decana e da vicedecana de Calidade da facultade, Montserrat Cruz e Vanessa Suárez respectivamente, destacando a súa satisfacción pola acollida da iniciativa. “É a primeira vez que se realiza e a resposta do alumnado foi mellor do agardado. A iniciativa gustou moito e motivou a dar ideas para levar a cabo outras actividades semellantes no centro”, indican.

O primeiro premio foi para Pilar Araújo pola fotografía Portadoras das tradicións. Nela vese a mulleres levando o peso dun carro cunha imaxe da virxe dos Remedios na montaña do Castro da Aldea, en Vilar Maior da Boullosa (Baltar), intentado representar “cantas veces o peso recae sobre a muller... e grazas a elas continúanse moitas costumes e tradicións”. A segunda foto máis votada foi a de Pablo González, titulada Un ás de muller, na que retrata “a carta máis importante da familia, a súa nai”. Xa en terceiro posto quedou Ignacio Lema con A muller de hoxe traballadora, na que quixo reflectir “a muller independente, empresaria, sempre en movemento, a peza máis importante da familia e a súa esposa”. Por último quedou en cuarto lugar a fotografía Salvadoras, de Raquel Bruna Gonzaga, na que retrata unha muller adulta con síndrome de Down para reivindicar que estas mulleres con diversidade “ao longo das súas vidas algunhas das cousas máis significantes que nos teñen que ofrecer son inocencia, pureza, amor e alegría. Virtudes que teñen un impacto significativo na vida das persoas, poden rescatar vidas ao proporcionar consolo, inspiración e comprensión”.