Co-organizada por alumnado dos graos en Linguas Estranxeiras e Tradución e Interpretación
As literaturas francófonas protagonizan unha exposición na Facultade de Filoloxía e Tradución
A mostra pode visitarse no pavillón central da facultade ata o vindeiro 12 de abril
“Unha viaxe diversa e enriquecedora coa que dar a coñecer as letras francófonas”. Así describen as investigadoras Blanca Miranda, Virginia Ripoll e Carla Figueiras a mostra Voyage à Travers les livres, unha exposición de libros francófonos que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución desde esta semana ata o vindeiro 12 de abril, “unha oportunidade excepcional para explorar a riqueza literaria da lingua francesa e descubrir novos horizontes a través da palabra escrita”.
Organizada coa colaboración do alumnado dos graos en Linguas Estranxeiras e Tradución e Interpretación, a mostra ofrécelle ao público a oportunidade de mergullarse no amplo abano das literaturas francófonas, cunha coidada selección de medio cento de libros. “A exposición busca pór en valor a creatividade e as expresións singulares e diversas da lingua francesa”, explican as coordinadoras no texto de presentación da mostra, onde tamén fan fincapé en que “abarca diferentes xéneros e estilos de obras contemporáneas”.
Esta iniciativa enmárcase en dous eventos significativos: o quart d'heure de lecture national (cuarto de hora de lectura nacional), que promove a idea de dedicar ese anaco de tempo diario á lectura, e a Semaine de la langue française et de la Francophonie, iniciativa que botou a andar en 1995 por impulso do ministère de la Culture e que se organiza cada ano arredor do 20 de marzo, Día Internacional da Francofonía. “É un momento especial para as múltiples culturas e identidades que celebra a diversidade e vitalidade das comunidades francófonas”, explican as coordinadoras.