DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense

Nove proxectos de investigación conseguen financiamento da convocatoria de axudas Inou 2024

Destacan, en número, iniciativas no eido aeroespacial e informático

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 11/04/2024

A convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou-Campus Auga 2024, feita pola Universidade de Vigo con financiamento da Deputación de Ourense, xa ten proxectos gañadores. Trátase de nove propostas de investigación de persoal investigador deste campus e de diferentes áreas de coñecemento. Entre elas destacan, por número, as relacionadas co eido tecnolóxico, concretamente o aeroespacial e informático.

Dotada en total con 59.000 euros, esta convocatoria está destinada anualmente a apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do campus de Ourense como Campus Auga. Ao mesmo tempo quere impulsar a interacción entre grupos de investigación de diferentes ámbitos de coñecemento e apoiar a posta en marcha de proxectos do persoal investigador máis novo. As propostas elixidas desenvolveranse ao longo deste ano.

Do seguimento de satélites ao mundo antigo

Tres das propostas elixidas xorden na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. A súa investigadora Uxía García acadou financiamento para un proxecto de implementación dunha estación terrea para o seguimento de satélites no campus de Ourense, destinada a dar apoio en tarefas de investigación e de docencia e complementar a xa existente no campus de Vigo. Igualmente Matías García levará a cabo un traballo sobre integración de tecnoloxías de posicionamento vehicular con sensorización da contorna, centrándose na súa aplicación na estimación do estado das estradas na provincia de Ourense. Xa apostando pola interdisciplinariedade, a convocatoria Inou elixiu tamén unha proposta chamada Vigour e centrada na vixilancia de plantas invasoras en Galicia, que desenvolverán Fernando Veiga, desta mesma escola, e Guillermo Guada, da Facultade de Ciencias.

Tamén no eido tecnolóxico son dúas as propostas realizadas desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática. Así Lorena Otero acadou financiamento para un proxecto chamado Difra, de detección de infraccións en franxas de protección con drons, e Martín Pérez para un sistema de detección mediante intelixencia artificial para o reconto e análise de mostras biolóxicas en imaxes xeradas por microscopio. Ademais, pero xa desde a Facultade de Ciencias, a convocatoria Inou 2024 apoiará un traballo de María Paz Otero sobre optimización da técnica de extracción por líquidos presurizados (PLE) para a obtención de extractos bioactivos de subprodutos de variedades de uva da comarca de Ourense.

Desde a Facultade de Educación e Traballo Social son dúas as iniciativas financiadas. A primeira titúlase Do sexting ao acoso e abuso sexual baseado nas imaxes: novos perigos subxacentes de violencia sexual online entre adolescentes ourensáns, a cargo da investigadora Rosana Martínez, e a segunda Humaniza_Trics_Ourense. Promoción da educación sexual integral, con perspectiva de xénero, na provincia de Ourense, de María José Vázquez e Abraham Rubín. Completa o listado de proxectos Inou 2024 unha iniciativa multidisciplinar xurdida neste centro e na Facultade de Historia sobre as culturas antigas e a educación actual, concretamente sobre o ensino e a escrita no mundo antigo, e centrada nunha intervención educativa en Ourense, a cargo de Iria Souto e Carla María Míguez.