DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na 3ª edición convocarase o galardón ao mellor traballo de investigación que leva o nome do docente

Os Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos renderán homenaxe ao profesor Manolo Ramos

Os traballos poden presentarse ata o 31 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 26/04/2024

Os Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos renden homenaxe este ano ao profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manolo Ramos, falecido en 2022. Esta terceira edición dos galardóns constará dunha soa categoría, a de mellor traballo de investigación, que levará o nome docente e que nace como unha oportunidade para recoñecer o labor do persoal docente e investigador en relación coa localización de videoxogos, así como para fomentar liñas de traballo futuras.

Os Premios ETIV-UVigo son uns galardóns institucionais organizados pola Universidade de Vigo e o grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P), dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV). Este título foi concibido no curso 2018-2019 polo profesor e investigador Óscar Ferreiro, coa innovadora idea de establecer os primeiros estudos de especialista neste eido impartidos por unha universidade pública. A iniciativa, lembra, “viu a luz grazas ao apoio dos profesores Ramón Méndez e José Yuste, pero contou tamén coa inestimable axuda do entón e sempre vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Manolo Ramos, quen apoiou o proxecto”. Precisamente pola súa axuda agora nace esta nova categoría de premio, que foi presentada polo profesor Ferreiro ao seu equipo na II Gala dos premios ETIV-UVigo en 2023. Ferreiro explica que esta distinción, concibida para honrar a un dos actores do título ETIV, “chegou para quedar e será un tributo continuo nos premios ETIV-UVigo, dando entrada xa á sétima edición do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) para o curso 2024-2025”.

Aberto a calquera PDI de universidades españolas ou estranxeiras

Este novo premio está aberto á participación de persoal docente e investigador de calquera universidade española ou estranxeira. Para poder concorrer só é preciso ter contrato, ben sexa a tempo completo, ben sexa parcial, durante un período mínimo dun ano entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2023, nunha institución de educación superior.

Os traballos que se presenten deberán ter relación directa coa localización de videoxogos e estar redactados en español, galego, catalán, éuscaro, inglés, francés ou portugués. No caso de que se trate dunha publicación con varios autores, só será rexistrado por unha persoa e a candidatura terá que ser validada por cada un dos autores. 

A selección dos traballos será realizada por unha comisión de avaliación que  recoñecerá o labor realizado polas persoas investigadoras cuxos traballos representen un alcance significativo no campo da localización de videoxogos, premiando aquelas contribucións que presenten maior capacidade de avance do coñecemento producido nesta disciplina. Para isto, o xurado terá en conta criterios relacionados cos obxectivos e a xustificación do estudo; a organización, metodoloxía e rigor científico; a validez e desenvolvemento dos resultados e conclusións; a adecuación dos contidos ao marco teórico e práctico da localización de videoxogos; a posibilidade de desenvolvemento ou aplicación práctica do contido e tamén o formato, a ortografía, o estilo, a corrección gramatical e a adecuación expresiva. O prazo de inscrición estará aberto entre o 1 de maio e o 31 dese mesmo mes. 

Os premios, un recoñecemento a un oficio

Os premios ETIV-UVigo, que se conceden dende 2021, recoñecen o bo traballo das persoas do oficio da localización de videoxogos, un eido de gran relevancia na actualidade que é xa un mercado profesional de gran capacidade empregadora, porque o desenvolvemento dun videoxogo involucra, segundo o caso, dende a unha única persoa até un milleiro delas. Neste aspecto, o eido da localización adoita ser un dos máis descoñecidos, malia a grande importancia que posúe a correcta adaptación do produto orixinal ás linguas meta. Aínda que este ano só se outorgará unicamente o Premio Manolo Ramos, nas vindeiras edicións retomaranse o resto de categorías, como mellor localización de videoxogo sen dobraxe, mellor localización de videoxogo con dobraxe, videoxogo máis accesible ou mellor localización de videoxogo en galego, catalán e éuscaro.