DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrega de premios do concurso de TikTok pechou a programación impulsada polo Campus Crea

Pontevedra pon peche a unha semana de pura creatividade

Nestes cinco días desenvolvéronse preto dunha quincena de actividades 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
DUVI Pontevedra 26/04/2024

Que é a creatividade para ti? Esta era a pregunta á que o alumnado debía dar resposta, de maneira divertida e dinámica, na primeira edición do concurso de vídeos en TikTok, promovido polo Campus Crea no marco da Semana da Creatividade. A entrega de diplomas ao estudantado premiado neste certame serviu este venres para pór peche a unha programación, impulsada co apoio da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo e conformada por preto dunha quincena de actividades abertas ao público e centradas nas principais liñas do proxecto de especialización do campus. 

“Para min a creatividade é unha forma diferente de ver e facer as cousas”, sinalaba a estudante da Escola Universitaria de Enfermaría Iria Francisco no vídeo polo que acadou o primeiro premio deste certame, dotado con 250 euros. Trátase dunha peza gravada en diferentes puntos do campus pontevedrés, ao igual que a que lle valeu a Marco Salgado, alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, para acadar o primeiro accésit deste certame, dotado con 150 euros. O segundo foi para a alumna de Deseño Silvia Fueyo, que emprega unha serie de imaxes tomadas nos talleres desde centro para presentar diferentes ideas asociadas á creatividade, que define como “o poder de crear desde cero, imaxinar e ver máis aló”.

Tanto Francisco como Fueyo recibiron os seus diplomas, de mans da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, neste acto de peche da Semana da Creatividade, dentro da que promovíase por primeira vez un concurso nesta rede social, coincidido co lanzamento a comezos de 2024 da canle da Universidade nesta rede social, UVigo Show. Por outra banda, no marco desta programación insírense tamén os IV Premios CREA-Creatividade e Innovación, que manteñen aberto ata o 31 de xullo o seu prazo de presentación de traballos. Cunha categoría para persoal docente e investigador e outra para alumnado, trátase dun certame aberto publicacións, obras, investigacións ou proxectos innovadores nos diferentes ámbitos de coñecemento do campus.

Unha semana centrada nas principais liñas do Campus Crea

Ademais desta entrega de premios, a programación da Semana da Creatividade abrangueu tamén este venres un obradoiro sobre mentalidade empresarial, inserido nas actividades do proxecto europeo HEI4Future. Xa pola tarde, a sede da Vicerreitoría acolle a segunda entrega das xornadas Pensamento e Creación, organizadas coa colaboración da Aula Castelao de Filosofía e que abranguen nesta ocasión un relatorio da artista e profesora da Facultade de Belas Artes Andrea Costas, xunto coa intervención Arteria Temporal, do dúo de poesía escénica Cintadhesiva.

Deste xeito, ponse peche a cinco días de actividades que puñan o foco nas conexións da creatividade coa comunicación, o deseño, a creación artística ou a educación. Con ese propósito, esta programación abrangueu iniciativas como Fame de Ideas!, un evento que levou este xoves á Facultade de Comunicación os gañadores e gañadoras dos tres premios da categoría Jóvenes Creativos dos Premios Nacionais de Creatividade CdeC, promovidos polo Club de Creativos, cuxo labor foi abordado pola integrante da súa xunta directiva Raquel Quintana, directora creativa da axencia BAP&Conde. 

Esta programación explorou así mesmo as conexións entre moda e deporte, nunha mesa de debate que reuniu o mércores no campus á Adrián Carrión, de BH Fitness, Luis Tassara, de Zara Athleticz, e Amaro Rúa, de Factoría Artesanal de Surf, xunto coa coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Lola Dopico, e o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Roberto Silva. Do mesmo xeito, esta Semana da Creatividade albergou obradoiros sobre graffiti, invención de linguas e deseño de infografías e cartelaría, xunto cunha xornada sobre intelixencia artificial e creatividade e a exposición Arqueoloxía dixital galega, dirixida a afondar nas conexións da arqueoloxía contemporánea cos mundos virtuais.