A organización do certame fixo público este martes a súa concesión
O Premio da 28ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense é para a Universidade Popular de Ourense
A entrega do galardón terá lugar na clausura da Miteu o día 6 de maio
Desde o pasado día 20, a cidade de Ourense acolle a celebración da 28ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Despois do descanso deste luns, a programación volve este martes coa representación do espectáculo Miserables, de Ña Djingö, de Guinea Ecuatorial. Nel nárrase a historia "dun preso que como outros tantos pensadores libres é perseguido e xulgado por defender unha causa. Encerrado, bota a vista atrás e cuestiónase a súa actividade e as decisións que tomou e que o conduciron ata onde está". Trátase, explican desde a organización, "dunha reflexión sobre o prezo do sacrificio que fan algunhas persoas para crear un raio de luz en tanta escuridade social". Será ás 20.00 no Teatro Principal de Ourense.
20 espectáculos
A edición deste ano conta con 20 espectáculos, principalmente de teatro universitario e profesional pero tamén de música, circo e danza ofrecidos por compañías estatais e foráneas. Entre elas, as aulas escénicas da Universidade de Vigo teñen un papel destacado. A Miteu é unha mostra organizada por Sarabela Teatro co apoio do campus de Ourense da Universidade de Vigo, a Deputación de Orense, a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Teatro Principal e Cervexas Esmorga.
Nesta edición a mostra conta coa participación de compañías de Colombia (Andrea Ríos), de Portugal (Teatr'Ubi), e de Guinea (Ña Dingö) e sobre todo de diferentes puntos da xeografía estatal (Galicia, Madrid, Euskadi, Andalucía, Navarra e Castilla y León). No marco do compromiso social deste certame, algunhas das obras desta edición propoñen reflexións sobre temas como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza. Aínda que o protagonismo recae nas aulas universitarias, tamén hai compañías profesionais como Yllana e música cun concerto do grupo galego The Tetas Van.