DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 1300 estudantes de 1º curso participaron nas probas de nivel de inglés do Plan PIPA

Deles, 100 recibirán formación específica e realizarán o exame CertAcles de B1 de balde

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/04/2024

1166 na primeira fase e outros 129 na segunda. En total 1295 estudantes de primeiro curso de grao participaron nas probas de nivel para coñecer o seu coñecemento de inglés no marco do Plan Integral de Preparación e Acreditación do Inglés (PIPA). Esta iniciativa, que se puxo en marcha este curso, ten como obxectivo potenciar a formación do alumnado e tamén a acreditación dos seus coñecementos de lingua inglesa, porque esa certificación, como recalca a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, “é necesaria para traballos, oposicións, concursos, etc”. No marco deste programa, a UVigo facilitará que, cada ano académico, parte do alumnado de novo ingreso realice un curso preparatorio e acceda ás probas de certificación CertAcles, de balde. 

A vicerreitora amósase moi satisfeita pola acollida que a proposta tivo entre o alumnado, “unha cifras que falan por si soas”. De entre estes 1300 mozos e mozas que estudan o seu primeiro curso nas titulacións da UVigo, unha comisión seleccionou os 100 que, como explica o director de Área de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, poderán participar nun curso preparatorio que impartirá o Centro de Linguas este mes para logo presentarse ás probas para obter o certificado CertAcles para o nivel B1. Deste xeito, este cento de estudantes poderá completar todo este proceso de balde, sen facerse cargo do custe do curso nin das taxas do exame, que lle corresponderán á Universidade de Vigo.

10 horas de formación semipresencial 

Os 100 mozos e mozas seleccionadas comezarán nas próximas semanas o Curso de preparación do exame CertAcles de acreditación de nivel B1 que imparte o profesorado do Centro de Linguas. A formación, que será de balde, terá carácter semipresencial e unha duración de 10 horas, 8 delas en modalidade virtual asíncrona en Moovi, é dicir, de traballo autónomo, e outras 2 presenciais, que se impartirán nos tres campus entre o 2 e o 3 de maio en quendas de mañá e tarde. 

Se o alumnado seleccionado asiste ao 85% do curso de preparación, poderá facer o exame CertAcles de acreditación de nivel B1 gratuitamente. A proba terá lugar o 16 de maio. Dende a Vicerreitoría lembran que as acreditacións de nivel CertAcles teñen validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior, o que significa que é aceptada en calquera universidade europea. 

Plan de Internacionalización

O Plan PIPA insírese dentro da estratexia de internacionalización da Universidade de Vigo, unha das principais liñas estratéxicas da institución. Se ben este ano se lanzou como iniciativa piloto, a vicerreitora Maribel del Pozo agarda que se consolide nos vindeiros cursos. A idea é que todo o alumnado de novo ingreso teña cada ano a oportunidade de avaliar a súa capacitación en lingua inglesa e poida ser seleccionado para a formación e acreditación de balde do seu nivel. Neste sentido, a vicerreitora fai fincapé na necesidade de concienciar o alumnado sobre “a importancia da formación e da acreditación dos seus coñecementos” e que “sexan conscientes da necesidade de seguir formándose durante a súa etapa universidade” coa vista posta en que rematen os seus estudos “contando cun C1 ou polo menos un B2”.