DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de profesionais da publicidade e da ilustración 

Unha xornada afonda no impacto da intelixencia artificial nas industrias creativas 

Enmarcada nas actividades da Semana da Creatividade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/04/2024

Das súas aplicacións na industria publicitaria ao impacto que pode ter para colectivos como o dos profesionais da ilustración. Os efectos da intelixencia artificial nas industrias creativas foron o eixe central da mesa de debate desenvolvida este martes na sede da Vicerreitoría do campus, no marco da programación da Semana da Creatividade 2024. Baixo o título de Diálogos entre IA e creatividade, esta xornada abriuse cun relatorio do director de arte da axencia Fuego Camina Conmigo, Eren Saracevic, quen abordou as diferentes aplicacións das ferramentas de intelixencia artificial xerativa na industria da publicidade. Tras este, o ilustrador e deseñador gráfico Luis Demano puxo o foco en como estas ferramentas “adéstranse” coas obras de milleiros de creadores e creadoras para logo xerar as súas propias obras e “competir no mercado” con estes profesionais.

“Dentro da Semana da Creatividade, organizamos unha serie de seminarios e talleres que vinculen o ámbito da creatividade cos distintos campos de acción das titulacións que conforman o Campus Crea”, sinalou Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización, na presentación desta actividade, que se completou cun coloquio moderado polo profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo Pablo Fernández Carballo-Calero.

Como dirixir artisticamente a un robot?

Baixo este título, Eren Saracevic, profesor na Barcelona School of Arts & Design, ofreceu un relatorio centrado no seu traballo como director de arte na industria publicitaria e nos usos que realizou nos últimos anos deste tipo de ferramentas. “Témola empregado desde para facer storyboards, ata para pezas finais”, sinalou este profesional, quen puxo o acento en que “a intelixencia artificial non deixa de ser un programa avanzado”. De feito, este tipo de ferramentas non supuxeron ao seu xuízo “un cambio drástico ou radical” nesta industria polo de agora. “O que non significa que non o vaia haber”, recoñeceu Saracevic, quen entende que cada vez será maior a súa utilización “nos procesos finais”. 

O adestramento das IA e os dereitos de autor

Codirector do máster de ilustración profesional do Centro Oficial de Estudios Superiores Barreira A+D, Luis Demano centrou a segunda das conferencias na súa experiencia como integrante dunha serie de grupos traballo de ilustradores, xurdidos tras a irrupción das intelixencias artificiais xerativas. O seu obxectivo, sinalou, é tratar de “facer fronte ao que consideramos a impunidade das industrias tecnolóxicas e como vulneran os dereitos de autoría, utilizando a obra de milleiros de artistas para adestrar as intelixencias artificiais e logo competir no mercado con eses mesmos autores e autoras”. Neste punto, Demano lembrou que este tipo de ferramentas desenvolvéronse “nun marco comercial e industrial, no que se xeran un beneficios que hai que distribuír”, posto que aínda que “o estilo non está protexido por dereitos de autoría” e estas ferramentas son capaces de xerar obras novas que imitan o estilo dun ou múltiples creadores, “para chegar a ese estilo utilízanse as súas obras”, subliñou.