DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento terá lugar este ano do 13 ao 15 de marzo

70 estudantes das enxeñarías traballan arreo na organización do XIX Foro Tecnolóxico de Emprego

En 2018 colaboraron medio cento de empresas e entregáronse arredor de 2000 currículos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Estudantes
Esteban Canle DUVI 18/01/2019

O vindeiro mes de marzo, entre os días 13 e 15,  volve o Foro Tecnolóxico de Emprego ao vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. O evento, que este ano celebra a súa XIX edición, converteuse xa no encontro de referencia entre o alumnado das escolas de enxeñaría do campus de Vigo e as empresas. O equipo organizador desta nova edición, que este ano está formado por 19 coordinadores e coordinadoras aos que se suma un equipo de  50 estudantes que colaboran con eles en todo tipo de tarefas, está traballando a pleno rendemento desde o pasado mes de outubro para que todo saia á perfección.  

Na pasada edición participaron 50 empresas e entregáronse arredor de 2000 currículos. O obxectivo deste ano é superar esas cifras e dende a organización móstranse satisfeitos co traballo realizado durante estes meses na procura desta meta. Así o relata Tomás Prado, estudante do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, e coordinador xeral desta XIX edición do foro. 

Para Prado este é o seu terceiro ano consecutivo participando na preparación do foro, primeiro fíxoo como colaborador e, na edición do ano pasado, como coordinador de conferencias. Este ano deu o salto a coordinador xeral e, tras uns meses como líder do equipo organizador, valora a súa experiencia como “unha grande oportunidade para aprender, mellorar e demostrar as miñas aptitudes na xestión de equipos e proxectos” e , ademais, destaca que participar na organización deste evento proporciona unha aprendizaxe que durante a carreira non se adquire. 

Máis de 20 empresas confirmaron xa a súa participación

Ademais de conferencias e workshops, o foro contará de novo coa presenza de postos de diferentes empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos seus futuros empregadores. Nestes momentos son arredor de 20 as firmas que xa confirmaron a súa participación, pero o prazo de inscrición non remata ata o día 2 de febreiro e a maioría acostuman a anotarse durante o mes de xaneiro, polo que dende a organización contan con que “vai haber unha boa participación”, tal e como salienta Prado.

De entre todos os currículos que o alumnado entregou no foro do ano pasado, moitos deles conseguiron grazas a isto a súa primeira experiencia laboral. “Ter unha charla ou mesmo nalgún caso unha entrevista cos representantes das distintas empresas é unha ocasión única, non só laboral, senón tamén de aprendizaxe que ningún alumno debería perder”, recalca o coordinador xeral desta edición. 

Claves do éxito e posibilidades de futuro

O Foro Tecnolóxico de Emprego é un escaparate para o talento do alumnado, xa que promociona as asociacións e os proxectos que o estudantado desenvolve. O que se pretende dende este evento é mostrarllo ás empresas para facilitar o contacto entre o estas e o alumnado, e así o levan facendo durante 19 anos. 

Organizado polo alumnado dende os seus inicios, o encontro medra cada ano un pouco máis, o que indica a satisfacción por parte de todos os implicados. Neste senso, Prado quere lograr que o alcance do foro deste ano sexa aínda maior. Tamén salienta que o éxito do foro vén dado non so pola colaboración por parte das empresas, senón tamén porque “estar nas entradas das escolas é unha gran sorte xa que facilita moito a participación dos alumnos e alumnas”.