A cita celebrouse este sábado na Escola Superior de Enxeñaría Informática
A Hora do Código introduciu no mundo da programación a arredor de 360 persoas
Leváronse a cabo 34 sesións didácticas para nenas e nenos acompañados por proxenitores
Arredor de 360 persoas, concretamente 263 rapazas e rapaces cunha media de idade de nove anos acompañados por proxenitores. Esta é a cifra de participación da Hora do Código 2019 no campus de Ourense. A Escola Superior de Enxeñaría Informática e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia volveron este sábado, 19 de xaneiro, a unirse unha vez máis á celebración da Hora do Código, iniciativa internacional promovida pola organización Code.org.
Rapazas e rapaces de 6 e 18 anos, concretamente 155 nenos e 113 nenas, estiveron chamados a participar nun amplo abano de obradoiros de balde que se celebraron nas instalacións universitarias co reto de espertar nelas e neles, pero tamén nos seus pais e nais, a curiosidade pola programación. En total celebráronse 34 sesións que abrangueron desde o uso de drones e a programación ata a impresión 3D ou a realidade virtual. As actividades desenvolvéronse durante a mañá e a tarde do sábado en diversos espazos do edificio Politécnico coa participación de voluntarias e voluntarios colexiados e por docentes especializados nas TICs no ámbito educativo.
A Hora do Código está promovida desde 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org®. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. Code.org é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en informática. O seu obxectivo é que todas e todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.