DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Deputación e impartido por docentes do Centro de Linguas da UVigo 

Alumnado de catro países inicia en Pontevedra un curso de español para inmigrantes

Nel, 17 persoas prepáranse para obter un diploma obrigatorio para solicitar a nacionalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cursos
  • Internacional
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/06/2023

Naturais de Marrocos, Brasil, Ucraína e Ghana, 14 persoas iniciaron este luns en Pontevedra a súa formación nun curso de español para persoas inmigrantes que busca preparalos para superar o exame DELE A2 do Instituto Cervantes e obter así un diploma que constitúe un requisito obrigatorio para que solicitar a nacionalidade española. Promovido pola Deputación Provincial e impartido por profesorado do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, trátase do terceiro e último dos cursos gratuítos desenvolvidos no presente curso, na sétima edición dunha iniciativa que busca facilitar a persoas non hispanofalantes a obtención deste título e apoiar a súa integración na provincia.

A deputada de Cohesión Social en funcións, Olga García, e as profesoras do Centro de Linguas Ángeles Tomé e Cecilia Rodríguez, responsable de impartir este curso, participaron na mañá deste luns no edificio administrativo da Deputación na apertura desta actividade. Con 14 inscritos e inscritas, no curso participan seis persoas naturais do Brasil, dúas orixinarias de Marrocos, outras dúas procedentes de Ucraína e unha orixinaria de Ghana. 

Máis dun 90% de aprobados

Neste acto, Tomé Rosales lembrou ao alumnado a alta porcentaxe de éxito que está a ter este curso nas súas diferentes edicións, xa que máis do 90% das e dos participantes ata a data lograron superar o exame DELE (Diploma de Español de Lingua Estranxeira) de nivel A2, que é o requirido para solicitar a nacionalidade española. Dirixido a persoas maiores de 16 anos que se atopan en situación regular en España, empadroadas nun concello da provincia e que posúan coñecementos básicos de castelán, a metodoloxía desta actividade baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias que permitan ao alumnado rendibilizar os seus coñecementos. De 40 horas de duración, esta actividade estenderase ata o 10 de xullo e súmase aos dous cursos impartidos en Vigo nas últimas semanas, nos que participaron 33 persoas. Rematada a súa formación, as e os participantes poderán presentarse ao exame do DELE A2 que o Instituto Cervantes levará a cabo en Vigo o 8 de setembro.