DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo rematou en Marrocos a súa xira coa obra 'As cidades agochadas'

A Aula de Teatro do campus, premiada en Tánxer pola defensa dos dereitos humanos

Tamén recibiu o galardón á mellor peza experimental

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Internacional
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 30/10/2023

A Aula de Teatro do campus de Ourense rematou na cidade de Tánxer, en Marrocos, a xira que estivo realizando coa súa obra As cidades agochadas. A peza, indican desde a aula, “foi acollida de xeito excepcional polo público, a organización e as compañías do FITUT, o Festival Internacional de Teatro Universitario de Tánxer”. Así, subliñan, recibiu neste festival dous premios, un pola defensa dos dereitos humanos e outro á mellor obra experimental.

Con estes galardóns remata unha xira que, subliñan desde a aula universitaria, “achegou coñecemento tanto teatral como persoal ao alumnado do campus de Ourense” participante e permitiu que o seu traballo se vise, ademais de en Tánxer; en Lisboa e Covilhã (Portugal), e en Pontevedra, Ourense, Vigo, Santiago de Compostela, Burgos, León, Pamplona e Granada. Alí onde foi representada As cidades agochadas, detallan, “foi moi ben recibida”. Esta obra foi desenvolvida dentro da Aula de Teatro do Campus de Ourense polo grupo Maricastaña, con dramaturxia de Fernando Dacosta e inspirada no libro As cidades invisibles, de Italo Calvino e preséntase como un “espectáculo performativo, baseado no movemento e na creación actoral de espazos imaxinados”.

A xira de As cidades agochadas remata coincidindo co comezo da actividade 2023/2024 da Aula de Teatro do Campus de Ourense, na que unha vez máis traballarán, baixo a dirección de Fernando Dacosta e Sarabela Teatro, na estrea de montaxes nos diversos niveis e na realización da 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. Este curso académico son 50 as persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, que se forman nos tres niveis que oferta a Aula de Teatro do campus de Ourense.