DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizado pola Orquestra Xove de Pontevedra, xunto ás aulas de música e baile galegos

O Concerto de Primavera do campus reúne preto de 400 persoas no Pazo da Cultura

Baixo o título de ‘Sinerxías’, combinou a música sinfónica e tradicional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/03/2024

A Orquestra Xove de Pontevedra e a Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus sumaron forzas na noite deste mércores no Pazo da Cultura, no Concerto de Primavera que cada curso promove a Vicerreitoría por estas datas. Despois de que máis de 400 persoas recollesen nos últimos días as invitacións para asistir de xeito gratuíto a esta actuación, a orquestra que dirixe e Javier Lorente e os máis de 40 alumnos e alumnas da aula que coordina Suso Vaamonde compartiron escenario en boa parte dun concerto que levaba o título de Sinerxías. A ambas sumáronse á súa vez, en varías das pezas, tres parellas de bailaríns que se forman na aula de baile tradicional do campus.

Deste xeito, este Concerto de Primavera, promovido coa colaboración do Concello, contribuíu tamén a mostrar o traballo que se desenvolve tanto na aula coordinada por Vaamonde, como no obradoiro Como bailar nun serán, que imparte a integrante de Leilía Monste Rivera. As e os participantes nestas dúas actividades formativas promovidas pola Vicerreitoría do  campus e abertas ao conxunto da cidadanía sumáronse a unha orquestra nacida en 2017 e integrada por mozos e mozas de entre 14 e 26 anos. Baixo a dirección de Lorente, esta formación puxo inicio á actuación coa Abertura Tequexetéldere, de Simón Couceiro, para logo interpretar xunto coa aula de música tradicional a Marcha do antigo Reino de Galicia, con arranxos de Vaamonde, e incorporar tamén o alumnado do obradoiro de baile na Xota e muiñeira de Coruxedo. Posteriormente, a Orquestra Xove interpretou en solitario Case un valse, de Benxamín Otero, para logo contar de novo coa aula na Muiñeira do salmón, tamén de Simón Couceiro, e na Xota e muiñeira de voda, con arranxos de Juan Lois Diéguez.