A competición desenvolveuse durante unha semana no pavillón universitario
O cubano Roberto Gómez gaña un disputado IX Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense
Participaron arredor de 90 xogadoras e xogadores
Despois dunha semana de competición, este domingo pechouse o IX Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense proclamándose campión o mestre internacional cubano Roberto Gómez. O certame, no que participaron arredor de 90 persoas procedentes de países como Letonia, Portugal, Cuba, Bulgaria e España, rematou facendo desde a organización un balance moi positivo do seu desenvolvemento e da calidade de xogo.
O torneo, válido para Elo Fide e Elo Feda, celebrouse desde o día 26 de xuño ata o 2 de xullo nas instalacións do pavillón de deportes do campus. Foi un certame aberto que se disputou polo sistema suízo a nove rondas. A cita estivo organizada polo club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo e o patrocinio, ademais da propia institución académica, do Concello e a Deputación de Ourense. Entre as e os participantes destacaron grandes mestres como Ilmars Starostits; Vladimir Petkov e Ibragim S. Khamrakulov; mestres internacionais como André Ventura Sousa; Roberto Carlos Gómez Ledo e Lennis Martínez Ramírez e a mestra internacional feminina cubana Jennys Dailin Soler Guerra.
12 galardóns
Na categoría xeral entregáronse este domingo doce galardóns, estando os tres primeiros dotados con trofeo e 1000, 750 e 600 euros respectivamente. O podio estivo copado por tres xogadores cubanos, acadando o primeiro posto Roberto Gómez, o segundo Arian González e o terceiro Lennis Martínez. Seguiulles na clasificación xeral André Sousa, Ilmars Starostits, Vladimir Petkov, Ibragim Khamrakulov, Andrés Rodríguez, David Gómez, Eugenio Martínez, Rubén Fernández e Alain Prieto. Tamén se entregaron premios de 150 euros na categoría sub 2000 (2000-1801 Elo Fide), que foi gañada por Gustavo Ribeiro, e na categoría sub 1800 (Elo Fide), na que resultou gañador Lucas Represas. Por último, o premio ao mellor veterano foi para Marcos Lorenzo e ao mellor local para Manuel Vidal.
Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, destaca que “o torneo foi un éxito”, agradecendo á organización, patrocinadores e xogadores e xogadoras a súa implicación. Entre outros aspectos, subliña a participación acadada de grandes mestres e mestres internacionais pero tamén a participación local e de xente nova. Igualmente, pon en valor o feito de que “o nivel de competición foi moi alto”, lembrando como ata a última partida non se decidiu o gañador do certame e a calidade das partidas disputadas entre grandes mestres. Por último, Rodrigo Alberte subliña o bo traballo de organización levado a cabo polo club Xadrez Ourensán Universitario e felicítaos polo éxito da competición.