Visita de 50 estudantes e docentes das universidades de Sevilla e Hochschule Bochum de Alemaña
Un día para descubrir a arquitectura do campus de Vigo
Foron recibidos no edificio Redeiras pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais
Coñecer de preto a arquitectura dalgún dos edificios máis emblemáticos do campus de Vigo. Este é o motivo que trouxo a Galicia a un grupo de medio cento de estudantes e docentes de arquitectura das universidades de Sevilla e da Hochshule Bochum de Alemaña. Recibiunos no edificio Redeiras a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais Mónica Valderrama, que foi a encargada de darlles a benvida. Guiados polo arquitecto Luis Ridao, profesor da Universidad de Sevilla, arrancaron a visita no propio edificio Redeiras, de Abalo Alonso Arquitectos e, xa pola tarde, desprazáronse ao campus onde, entre outros, visitaron os edificios Miralles e Ernestina Otero, do falecido Enric Miralles e Benedetta Tagliabue; a Biblioteca Universitaria, de Noguerol e Díez, e a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, de César Portela e Gabriel Santos Zas.