DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron os tres primeiros premios e competirán por un premio de 10.000 euros

Investigadores e egresados da UVigo copan a fase final do Concurso de ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo

Convocado por Enaire, o xestor da navegación aérea en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Investigación
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 29/02/2024

Enaire, o xestor da navegación aérea en España, dependente do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, convocou o pasado ano a través do seu centro de investigación, Crida, a segunda edición do Concurso de ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo. Tres propostas de investigadores e egresados do campus de Ourense acadaron clasificarse para a súa fase final, onde acadaron os tres primeiros premios, e competirán polo galardón final, dotado con 10.000 euros.

O obxectivo do certame é “fomentar a iniciativa emprendedora e impulsar a transformación de ideas de negocio en empresas reais, promovendo e desenvolvendo ideas en fases iniciais”. O premio dividido en dúas fases. Na primeira selecciónanse as cinco mellores ideas entre as presentadas, concedendo tres premios con dotación económica. Na segunda fase, as propostas escollidas participan nun proceso de incubación de dous meses no que reciben formación co obxectivo de desenvolver plan de negocio. A idea co mellor plan de negocio recibirá un premio final de 10.000 euros.

Entrega de premios

Mariluz de Mateo, directora de Estratexia e Innovación de Enaire, e José Miguel de Pablo, director de Crida AIE, fixeron entrega en Madrid dos seus premios aos cinco seleccionados na primeira fase. O primeiro premio, dotado con 5000 euros, foi para Gabriel Alejandro Pérez, egresado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo e actualmente alumno do seu Mestrado en Aeronáutica. A súa idea levou por nome Drone Watch e consiste na proposta dunha empresa encargada de despregar sistemas de protección contra UAVs intrusos.

O segundo premio, dotado con 3000 euros, foi para a proposta AirEmpires Sky Management, de persoal investigador do grupo lia2 da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, equipo encabezado por  Francisco Javier Rodríguez e completado por Lorena Otero, Rubén Fernández, Manuel Alonso Carracedo e Antonio Adrián González. A idea consiste na creación dun videoxogo sobre xestión de tráfico aéreo.

A idea premiada co terceiro posto, dotado con 1000 euros, é VortexGuard Aviation System, de Alberto Rodríguez Lorenzo, egresado tamén da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. A súa proposta céntrase en reducir os tempos entre despegues en aeroportos. Xa sen relación coa UVigo, tamén foron galardoados como finalistas Javier Diana, polo seu proxecto CityMet, e Marcos Antonio Hernández, por Fly Green. As cinco ideas seleccionadas recibirán acompañamento personalizado e mentorización por parte de Enaire co obxectivo de mellorar as súas propostas de negocio durante do certame.