DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron os tres primeiros premios e competirán por un galardón de 10.000 euros

Investigadores e egresados do campus copan a fase final do Concurso de ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo

Convocado por Enaire, o xestor da navegación aérea en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Investigación
  • Premios
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 29/02/2024

Enaire, o xestor da navegación aérea en España, dependente do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, convocou o pasado ano a través do seu centro de investigación, Crida, a segunda edición do Concurso de ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo. Tres propostas de investigadores e egresados do campus de Ourense acadaron os tres primeiros premios da súa primeira fase e son agora finalistas do certame, pasando a competir polo galardón final, dotado con 10.000 euros.

O obxectivo do certame é “fomentar a iniciativa emprendedora e impulsar a transformación de ideas de negocio en empresas reais, promovendo e desenvolvendo ideas en fases iniciais”. O premio está dividido en dúas fases. Na primeira, que acaba de finalizar, seleccionáronse as cinco mellores ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo entre as presentadas, concedendo tres premios con dotación económica. Na segunda fase, as cinco propostas escollidas participan nun proceso de incubación de dous meses no que reciben formación co obxectivo de desenvolver o seu plan de negocio. A idea co mellor plan de negocio recibirá un premio final de 10.000 euros.

Entrega de premios

Mariluz de Mateo, directora de Estratexia e Innovación de Enaire, e José Miguel de Pablo, director de Crida AIE, fixeron entrega a pasada semana en Madrid dos premios ás propostas seleccionadas na primeira fase. O primeiro premio, dotado con 5000 euros, foi para Gabriel Alejandro Pérez, egresado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo e actualmente alumno do seu Mestrado en Aeronáutica. A súa idea levou por nome Drone Watch e céntrase en sistemas de protección contra UAVs intrusos.

O segundo premio, dotado con 3000 euros, foi para a proposta AirEmpires Sky Management, de persoal investigador do grupo Lia2 da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, equipo encabezado por Francisco Javier Rodríguez e completado por Lorena Otero, Rubén Fernández, Manuel Alonso Carracedo e Antonio Adrián González. A idea consiste na creación dun videoxogo relacionado coa xestión de tráfico aéreo.

A idea premiada co terceiro posto, dotado con 1000 euros, é VortexGuard Aviation System, de Alberto Rodríguez, egresado tamén da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. A súa proposta céntrase en reducir os tempos entre despegues en aeroportos. Xa sen relación coa UVigo, tamén foron seleccionados como finalistas aínda que sen premio Javier Diana, polo seu proxecto CityMet, e Marcos Antonio Hernández, por Fly Green. As cinco ideas recibirán acompañamento personalizado e mentorización por parte de Enaire co obxectivo de mellorar as súas propostas de negocio. Entre elas, o certame elexirá á gañadora, que se levará un premio de 10.000 euros.