DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pódese participar ata o vindeiro 2 de outubro

O Observatorio de Persoas Tituladas lanza unha enquisa sobre a empregabilidade das persoas tituladas estudos de Doutoramento

Destinada ao alumnado que rematou os seus estudos no curso 2020/2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI 26/09/2023

Observatorio de Persoas Tituladas ten en marcha, co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, unha nova enquisa sobre a empregabilidade e satisfacción cos estudos realizados das persoas que completaron os seus estudos de doutoramento da UVigo no curso académico 2020/2021. Esta  sondaxe busca dárlle continuidade ao estudo publicado en novembro do ano pasado sobre a inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos de doutoramento, que abarcaba dende o ano 1995 ata o curso 2019/2020 que recollía datos de empregabilidade de todas as promocións de doutores e doutoras dende a creación da Universidade de Vigo. Con esta nova enquisa amplíase o foco á seguinte promoción titulada, a do curso 2020/2021 e complétase a medición da empregabilidade do alumnado titulado nese curso na UVigo en todos os niveis. 

Inserción laboral e satisfacción

O obxectivo desta enquisa é obter información útil relativa tanto á inserción laboral como á satisfacción respecto dos programas de doutoramento da UVigo. Os datos que se obteñan permitirán coñecer a empregabilidade e situación profesional actual dos doutores e doutoras pasados 18 meses tras rematar os seus estudos e, ao tempo, achegarán á institución académica información útil e relevante para mellorar a calidade dos programas de doutoramento e contribuirán a mellorar da formación do estudantado das seguintes promocións. O prazo para cumprimentar a enquisa está aberto ata o vindeiro 2 de outubro e están chamadas a participar as 168 persoas tituladas no curso en cuestión nalgún dos 39 programas de doutoramento oficiais adscritos á EIDO da UVigo. Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os informes de resultados serán publicados tanto na Web do Observatorio como no do Consello Social e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria. A enquisa é anónima e non require o nome e apelidos nin o nome da empresa ou entidade na que traballen as persoas participantes. 

Alén do Consello Social, para a implementación desta actividade o Observatorio conta coa colaboración da dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido), a Área de Calidade da UVigo e o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao.