DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro obradoiro organizado pola Cátedra Circom-Uvigo

specialistas europeos debaten en Vigo os principais retos das televisións públicas ante a transformación dixital

A xuntanza contou con representantes da CRTVG, RTVE e de compañías de Portugal, Suecia ou UK

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/04/2024

Intercambiar experiencias sobre innovación nas televisións públicas europeas ante o reto de transformarse e adaptarse a un mundo cada vez máis dixital. Este é o obxectivo co que este venres se reúnen en Vigo máis de trinta profesionais, académicos e académicas que asisten no edificio Redeiras ao Workshop Shaping media for the future, o primeiro obradoiro organizado pola Cátedra Circom-UVigo, asinada o pasado mes de outubro entre a Universidade de Vigo e Circom, a asociación europea de televisións públicas rexionais nas que se agrupan 250 canles de preto de 30 países.

A apertura do encontro contou coa participación do reitor Manuel Reigosa, e Fernando R. Ojea, director de contidos da Compañía de Radio Televisión de Galicia e actual secretario xeral de Circom Rexional, que foron os encargados de darlles a benvida a todos os participantes e desexarlles unha xuntanza moi frutífera e chea de éxitos. Nesta liña, Ojea lembrou que un dos obxectivos básicos da Cátedra Circom é investigar a adaptación que están a ter á contorna dixital as televisións públicas, “desde como están a innovar a través de distintos formatos ata a xeración de novos contidos para novas audiencias”.

Ante a desinformación: “obxectividade, transparencia e veracidade”

“O primeiro reto que non se debe esquecer nunca é que as televisións públicas son un servizo público e como tal débense á cidadanía”, lembrou o director académico da Cátedra, o profesor da Facultade de Comunicación da UVigo Xosé Rúas, quen fixo fincapé en que o que se busca a través deste tipo de iniciativas é “pór en valor a función de servizo público que teñen estas canles”. Acompañado por Zoran Medved, o project manager da cátedra, directivo da RTV eslovena, explicou que, entre outras temáticas, o obradoiro afonda no impacto da desinformación, “unha cuestión na que cobran importancia os valores de obxectividade, transparencia e veracidade”.

Desde a cátedra están a elaborar un informe interno sobre todos estes temas e a finais de maio presentarán xa un primeiro balance de resultados na reunión anual do grupo Circom,” xuntanza que nesta ocasión se celebrará en Polonia”, salientou o director académico da cátedra, quen explicou que os resultados do informe recollerán as principais conclusións dunha enquisa "que está en marcha entre os socios de Circom e dunha serie de entrevistas en profundidade que estamos a elaborar desde a cátedra”.

Experiencias desde distintos países

Tras a inauguración, o workshop continuou cunha charla sobre innovación pública na televisión de Galicia, impartida por María Sabucedo, xefa de contidos da CRTVG, e, a continuación, Urbano García, director de Innovación e Dixital de Radio Televisión Española, centrouse nas principais liñas de traballo que se están a levar a cabo neste senso desde a televisión pública nacional.

A eles sumáronse o propio project manager da cátedra e coordinador nacional de Circom para Eslovenia,  Zoran Medved, xornalista con máis de 35 anos de experiencia e profesor asociado na eslovena Universidad de Maribor; Paulo Jardim, da televisión pública de Madeira; Malin Syrstad, editora xefe da televisión sueca SVT, e Charlie Beckett, xornalista que traballou para canles como a BBC e Channel 4 e que na actualidade exerce como profesor no Departamento de Media e Comunicación da London School of Economics and Political Science, onde tamén dirixe Polis, un ‘think-tank’ para a investigación e o debate sobre o xornalismo.