DUVI

Diario da Universidade de Vigo

2000 alumnos de varios países participan na cidade francesa nesta olimpíada deportiva

18 estudantes da Universidade compiten en Albi no Cartel de Minas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 25/04/2019

A cidade francesa de Albi acolle a partir de hoxe xoves o Cartel de Minas, un encontro internacional no que se dan cita arredor de 2000 estudantes de Enxeñaría de Minas de escolas de Francia, España, Alemaña e Marrocos. Ao longo de tres días os deportes serán os protagonistas desta cita que ten tamén unha importante compoñente lúdica, festiva e de confraternización.

A Universidade de Vigo estará representada por un grupo de 18 estudante e ex-estudantes que están xa na cidade gala para arrincar dende hoxe esta 46ª edición do Cartel des Mines, que este ano organiza a IMT Mines Albi. Ata o domingo, compartirán pistas, canchas, campos e tamén experiencias, estudantes de todas as escolas de Minas de Francia (París, Nancy, Saint-Etienne, Douai, Nantes, Ales, Albi-Carmaux) e escolas convidadas como Vigo, Oviedo, Bochum e Emines de Benguerir. Nestes tres días mediranse en equipos e individualmente en arredor de 15 modalidades deportivas como fútbol, baloncesto, voleibol, balonmán, rugby, tenis, cross e relevos tanto de natación como de atletismo. Ademais, cada ano a organización elixe un ou varios deportes convidados, que nesta ocasión serán petanca e escalada. Ademais tamén terán lugar actividades máis enfocadas ao lecer, como un concurso de DJs e de FIFA 2019. 

Competición pero, sobre todo, convivencia

A finalidade deste evento é converterse nun foro, nun lugar de encontro no que as delegacións establezan vínculos nacionais e internacionais e estreiten lazos cos compañeiros e compañeiras doutras escolas. Por todo isto, Alicia Caamaño, presidenta do Cartel de Vigo e Lucía Nieto, unha das súas integrantes, explican que dende o punto de vista persoal, esta é unha “experiencia moi enriquecedora”. Destacan que como grupo “fortalece vínculos entre compañeiros de distintos cursos e idades que, doutra forma, non se establecerían” pero tamén, ao ser unha competición internacional, “permite coñecer a xente doutras nacionalidades e culturas que estudan o mesmo ca ti e que comparten as mesmas inquedanzas”. Ademais tamén afrontan estes días como unha “boa oportunidade para saír da zona de confort e practicar idiomas”.

No que se refire á parte estritamente deportiva, a Universidade de Vigo participará nas modalidades de baloncesto, tanto masculino coma feminino, en cross e en petanca. Recoñecen que as súas expectativas “teñen como base facelo o mellor posible, xa que a maioría das universidades participantes contan con equipos de gran nivel, e vai ser complicado traer o trofeo á nosa escola, pero por intentalo que non falte!”.