DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Orientación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 22/04/2019

Estes pasados 19, 20 e 21 de abril Asturias acolleu o Campionato de España de Orientación 1, que se celebrou paralelamente en Porrúa e Llanes. No primeiro destes lugares desenvolvéronse as competicións de relevos clásicos e a de distancia media sobre un complicado terreo cárstico, escarpado e esvaradío e cunha boa dose de complexidade técnica, o que dificultou as transicións dos orientadores. A vila de Llanes acolleu a proba sprint, na que os orientadores tiveron que sortear, ademais da dificultade do percorrido polo casco histórico e a súa contorna marítima, a numerosa afluencia de turistas que elixiron este destino para pasar a Semana Santa.

En total, nesta cita deportiva participaron 1500 atletas, 200 dos cales integraron a delegación galega, da que formaba parte a Universidade de Vigo con 10 corredores e corredoras. As probas deixaron un primeiro posto con selo vigués, o do equipo de relevos feminino veteranas C, do que forma parte a representante da institución viguesa Begoña Crespo. Ademais, Ana Iglesias tamén acadou un meritorio 6º posto na complicada proba sprint. 

A vindeira fin de semana, en Barcelos

A próxima fin de semana, o equipo de orientación da Universidade de Vigo terá unha cita, desta volta en Barcelos, Portugal, para participar na segunda proba interrexional de orientación galaico-portuguesa.