A cita arrancará nas pitas de atletismo do campus
250 persoas participarán o domingo no I Trail e Andaina Solidaria Camiñando polo Dano Cerebral
O diñeiro recadado terá un fin solidario
250 persoas participarán este domingo 12 de setembro no I Trail e Andaina Solidaria Camiñando polo Dano Cerebral, que terá saída e meta nas pistas de atletismo do campus de Ourense. As dúas actividades desenvolverase por sendeiros e camiños do Concello de Ourense e de O Pereiro de Aguiar e o diñeiro recadado terá un fin solidario.
A actividade está organizada pola Delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo; o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense; o Concello de O Pereiro de Aguiar e a Deputación de Ourense-Inorde, contando co patrocinio do campus de Ourense da Universidade de Vigo; da Xunta de Galicia (Xacobeo 21/22) e de Runmaniak. A cita desenvolverase partir das 09:30 h do domingo, arrancando e rematando nas pista de atletismo universitarias. O trail, no que están inscritas 150 persoas maiores de 18 anos tanto federadas como non, terá unha distancia de 14 quilómetro. A andaina, na que participarán arredor dun centenar de persoas maiores de 16 anos, terá unha distancia de nove quilómetros.
O custe da inscrición, que foi de dez euros para o trail e cinco para a andaina, será destinado aos fins da Federación Galega de Dano Cerebral, habilitándose tamén un dorsal 0 para as persoas que quixeran realizar doazóns e colaborar nesta iniciativa aínda que non participen nela.