DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de innovación educativa

O alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte explora as conexións entre as artes plásticas e as ciencias naturais

A iniciativa pon o foco na observación da contorna

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/04/2024

Que o alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria desenvolva experiencias educativas que teñan como punto de partida a observación da contorna é un dos obxectivos centrais dun proxecto de innovación que se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que abrangue materias das áreas de didáctica das ciencias experimentais, didáctica das matemáticas e didáctica da expresión plástica. Coordinado polo profesor Uxío Pérez e seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa aprobada neste 2024 pola facultade, Aprender a observar a contorna para desenvolver o pensamento artístico, matemático e científico busca tamén promover unha aprendizaxe interdisciplinar, a través de iniciativas como os talleres que nestes días conectan as artes plásticas coas ciencias naturais.

Coa participación da artista téxtil Maritza Bertollini e da artista visual Blanca Lourés, as e os participantes nestes seminarios desenvolven unha serie de creacións que “teñen como punto de partida o mundo natural”, como sinala a profesora África Martínez, coordinadora desta actividade xunto a Begoña Paz. Baixo o título de Explorando a contorna, a actividade arrancou este mércores coa primeira sesión dun taller de bordado, impartido por Bertollini e que ten como obxectivo tanto “fomentar a reflexión sobre a paisaxe e o mundo natural, como estimular a capacidade de observación” das e dos participantes. De feito, ademais de iniciarse nas técnicas tradicionais do bordado, o alumnado tivo que recoller elementos naturais da contorna da facultade para elaborar as súas pezas.

Con ese mesmo punto de partida, un segundo seminario impartido por Lourés, doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, levaralles a traballar no rexistro da natureza a través de fotocopias e impresións. A actividade completarase así mesmo, explican as súas promotoras, cunha sesión teórica na que o alumnado da materia Didáctica das artes plásticas e visuais, do grao en Educación Primaria poderá coñecer as liñas de traballo destas dúas artistas. “Este ano estamos traballando todo ao redor do mundo natural, para proporcionarlle ao alumnado ferramentas para cando teñan que facer traballos de observación e rexistro nas materias de ciencias naturais”, sinala Martínez desta iniciativa inserida nun proxecto que busca promover esa observación da contorna, precisamente, a través da conexión entre diferentes áreas.

Álbums ilustrados convertidos en instalacións

Tamén no marco deste proxecto de innovación educativa, o alumnado desta materia traballa nestes días nunha vintena de instalacións, que teñen como punto de partida unha serie de álbums ilustrados relacionados co mundo natural e o medio ambiente. “Tiñan que facer unha instalación artística inspirada neste álbum, na que sintetizasen o concepto que queren transmitir”, explica Martínez. Os resultados finais dos traballos que o alumnado leva a cabo nestes días poderán verse desde este venres, espallados polos corredores da facultade.

Aprender a observar

Coa participación de trece profesores e investigadores das tres áreas implicadas, á que se suma a colaboración de docentes externos e profesionais de diferentes disciplinas, o proxecto no que se insire esta iniciativa ten como eixes a observación e o desenvolvemento de innovacións STEAM. A observación, lembran os seus responsables, “require examinar as entidades cunha perspectiva específica, que permita vincular os diferentes factores observados dentro dun marco de coñecemento, construír ideas e expor novos problemas”. A través de obradoiros, conferencias e das experiencias educativas, que se desenvolverán nas distintas materias implicadas ao longo de 2024, esta iniciativa busca que os futuros e futuras docentes que se forman na facultade “desenvolvan competencias fundamentais no seu futuro exercicio profesional, de xeito que sexan capaces de deseñar, planificar, monitorizar e avaliar procesos de ensino e aprendizaxe innovadores”.