DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representan á UVigo nun encontro con estudantes destacados desta titulación

Alumnas de Ciencias do Mar participan en Barcelona nos eventos organizados arredor da Conferencia da Década dos Océanos

As futuras e futuros expertos mariños achegan a súa perspectiva sobre a mellores maneiras de preserv

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 09/04/2024

A Unesco reúne esta semana en Barcelona a 1500 expertas e expertos dispostos a abordar a crisis climática no medio mariño. Faino na Semana da Década dos Océanos, un evento que se celebra do 10 ao 12 de abril e arredor do cal se organizan multitude de actividades, incluído este martes un encontro de alumnos e alumnas destacadas das principais universidades que ofrecen estudos de grao en Ciencias do Mar. Desde a Universidade de Vigo viaxaron ata a cidade Condal Sara Martín Alís e Rita Lorenzo Pérez, para quen esta experiencia supón “unha oportunidade única e emocionante” para a que levan semanas preparándose da man das profesoras  Irene Alejo e Ángela Fontán, investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

A idea desta conferencia internacional é debuxar o marco de acción global das políticas para preservar os mares nos próximos anos e, para conseguilo, búscase impulsar a ciencia como ferramenta para afrontar desafíos como a seguridade alimentaria, a economía oceánica sostible ou a contaminación. “Son temáticas para as que é fundamental involucrar á próxima xeración de expertos e expertas na protección dos nosos océanos e esta iniciativa proporciona unha plataforma única para intercambiar ideas e solucións innovadoras”, explica o decano da Facultade de Ciencias do Mar e investigador do CIM,  Miguel Ángel Nombela.

Coa colaboración tamén do estudante de mestrado en Oceanografía, Jakob Ernst, que finalmente non puido asistir presencialmente á Universidad de Barcelona, onde se celebra esta xuntanza, as estudantes seleccionadas  recibiron durante semanas formación específica do persoal do CIM sobre os diversos temas relacionados cos dez retos identificados para a Década dos Océanos. O obxectivo final será promover a conciencia sobre a Década dos Océanos entre as futuras xeracións de especialistas mariños e fomentar a interacción entre alumnos e alumnas de diferentes universidades: Las Palmas de Gran Canaria, Cádiz, Barcelona, Alacante, Católica de Valencia, Politécnica de Cataluña, Gdansk de Polonia e Algarve de Portugal.

“Imos principalmente a aprender e gañar experiencia”

A presentación das dúas alumnas viguesas centrouse no desafío seis, destinado a incrementar a resiliencia das comunidades ante os riscos costeiros. A este respecto, Sara Martín recoñece que “o feito de investigar e traballar nun tema de utilidade para a sociedade, e que non quede en algo meramente teórico, é moi motivador”. Igualmente, valora positivamente a súa participación no evento, xa que “ir como alumnas a este encontro implica que imos principalmente a aprender e gañar experiencia en actividades que, aínda que son importantes para a nosa formación, non tivemos a oportunidade de desenvolver ata o de agora”.

Nesta liña, as alumnas participantes, salientan tamén que o feito de ter que preparar e expoñer un tema, así como participar nun debate con outros estudantes, “é un inicio para aprender a comunicar, transmitir ideas e traballar en grupo, o cal é clave no noso futuro profesional, sexa cal sexa”. A maiores, destacan tamén que “non hai que esquecer que este evento satélite se celebra en vésperas do inicio da Conferencia da Década dos Océanos, o que fará que Barcelona sexa o epicentro a nivel mundial, polo menos por uns días, do diálogo e planificación para unha mellor xestión dos océanos. É emocionante poder asistir a algo así como estudante de grao, xa sexa como oínte ou como voluntarias na conferencia”.