DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Desequilibrios’ está inspirada no libro 'Alguén voou sobre o niño do cuco'

A aula teatral do campus estrea en Portugal a súa nova produción

Acadou o galardón do público no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Internacional
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 20/03/2024

Cada curso académico, a Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña crea unha obra teatral coa que logo xira por diferentes festivais e espazos escénicos da península ibérica. Despois de varios meses de traballo, a produción deste ano xa está lista. Trátase de Desequilibrios, que acaba de ser estreada en Portugal, no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior, onde acadou o premio do público.

A aula arrancou en outubro a súa actividade formativa, na que participa arredor dunha ducia de persoas e que se desenvolve semanalmente nas instalacións do campus de Ourense a cargo dos membros de Sarabela Teatro Fina Calleja, Sabela Gago, Flor Figueroa, Elena Seijo e Fernando Dacosta, o seu director. Froito destes meses de traballo, preséntase Desequilibrios, con dramaturxia, escenografía e dirección de Fernando Dacosta e inspirada libremente no libro Alguén voou sobre o niño do cuco, de Ken Kesey.

Unha historia de amizade, de revolta, de represión

Ambientada nun manicomio que “está obsoleto” e no que o “tratamento de shock que reciben as persoas díscolas está sendo cuestionado”, a obra propón unha “historia de forzas en oposición: as daquelas persoas que teñen o poder e queren perpetuarse nel e as que o cuestionan desde a súa loucura”. Desequilibrios é, engaden desde a súa organización, unha “historia de amizade, de revolta, de represión, de creatividade, de amor, de liderado, de sacrificio” que contén humor e morte, comedia e traxedia, “como a vida mesma”. A peza, apunta Fernando Dacosta, “pon diante de nós os desequilibrios que afrontamos cada día. O lado da balanza no que decidamos poñernos é cousa nosa”.

A obra foi presentada recentemente no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior (Portugal), onde acadou o premio do público. “Estamos moi agradecidos pola acollida do Teatr'Ubi e de Covilhã”, comenta Fernando Dacosta, dando os parabén á organización do festival e ás compañías participantes. Satisfeito por ter acadado o recoñecemento do público nesta estrea, subliña que “seguir e poder estar é o premio”. A próxima cita de Desequilibrios será nos escenarios galegos, a principios de maio, na celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense Miteu.