DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta actividade marca o inicio das celebracións do 30 aniversario do centro

O CACTI celebra a súa xornadas de portas abertas presumindo de tecnoloxía punteira

Esgotáronse as 80 prazas para participar nas dúas sesións das visitas, en quenda de mañá e tarde

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 18/04/2024

O CACTI, Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, arrancou este xoves a celebración do seu 30 aniversario cunha xornada de portas abertas na que amosou á comunidade científica, ás empresas e ao público en xeral as súas instalacións, as técnicas, a instrumentación, as posibilidades analíticas e os traballos e servizos que ofrece o centro.

Coas prazas esgotadas desde hai días para as dúas sesións previstas, en horario de mañá e tarde, a xornada arrancou coa intervención da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que, xunto á directora do centro, a profesora Sandra Bolaño, foron as encargadas de darlles a benvida ás 40 persoas que participaron na visita da mañá e realizarlles unha breve presentación das aplicacións, ensaios e traballos que se realizan de xeito habitual neste centro.

Posteriormente, divididos en grupos de 10 visitantes, empezou a visita polos distintos servizos, incluíndo o Servizo de Seguridade Alimentaria e Desenvolvemento Sostible, Microscopía Electrónica, Nanotecnoloxía e Análise de Superficies e Determinación Estrutural, Proteómica e Xenómica. Guiados polo persoal técnico puideron escoitar as explicacións sobre os diferentes instrumentos e aplicacións e preguntarlles as súas dúbidas e curiosidades.