DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A II Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio terá lugar o vindeiro luns 29 de abril

Unha competición de bateis enfrontará de novo o alumnado do campus e da Escuela Naval Militar nas augas da Ría de Pontevedra 

Coa participación de tripulacións masculinas, femininas e mixtas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 24/04/2024

En abril de 2023, tripulacións integradas por estudantes do campus pontevedrés e da Escuela Naval Militar medían as súas forzas na primeira edición da Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra, unha competición nacida co obxectivo de converterse nunha cita anual que enfrontase cada ano o alumnado destas dúas institucións. Tras disputarse entón con barcos dragón, unha modalidade de piragüismo orixinaria da China, a segunda edición deste trofeo será unha competición de remo, unha regata de bateis con tres mangas, nas que tomarán parte unha embarcación feminina, outra masculina e outra mixta de cada institución.

Promovida pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Escuela Naval Militar, coa colaboración do Gremio de Mareantes e do Club de Piragüismo Cidade de Pontevedra, esta II Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra desenvolverase o vindeiro luns 29, a partir das 17.30 horas, con saída do embarcadoiro situado a carón da sede do Gremio de Mareantes. Nas súas tres mangas, as embarcacións, integradas por catro remeiros ou remeiras e un patrón, deberán completar un percorrido de dous quilómetros e dúas ceavogas. 

Quen custodiará o trofeo ata 2025?

Inserida nas actividades da Cátedra Almirante-Álvarez Ossorio, que a Universidade de Vigo e a ENM promoven conxuntamente desde 2003, a primeira edición desta regata tivo como vencedor ao alumnado do campus de Pontevedra. Isto motivou que a UVigo fose a encargada de custodiar ao longo deste ano un trofeo ao que cada ano se lle irá engadindo unha placa co nome da institución gañadora e que permanecerá na sede desta ata a disputa da seguinte edición. Nese senso, o vencedor final será aquel que logre a vitoria nun maior número de mangas desta regata, na que a UVigo estará representada con grupo de remeiros e remeiras que son tamén estudantes das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, así como da Escola de Enxeñaría Forestal.