Este xoves na sede cidade da escola coa tradicional entrega de recoñecementos
Enxeñería Industrial celebra o seu patrón “con orgullo e sentimento de pertenza”
Coa participación do egresado José Luis Mandayo, responsable de Lupeon, empresa líder en impresión 3
“Con orgullo e sentimento de pertenza”. Así vive cada ano a Escola de Enxeñería Industrial a celebración do seu patrón, San Xosé, un acto cheo de emotividade que reuniu no salón de actos da sede cidade da escola a un bo número de membros do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e do alumnado “a nosa principal razón de ser”, tal e como recoñeceu no seu discurso o director da escola, José Fariña, para quen esta foi a súa primeira festividade de San Xosé como responsable do centro.
Como é habitual aproveitouse este acto para facer múltiples recoñecementos: por unha banda, “a aquelas persoas que, polos seus méritos, xa sexa en calidade na docencia, en fomento da actividade investigadora ou en actividades de emprendemento, axudan a acadar os niveis de excelencia que esta escola ten por obxectivo”, recalcou o director, quen tampouco se esqueceu “dos recoñecementos relacionados co sentido de pertenza á escola, tanto para o PDI como para o PAS”.
No seu discurso Fariña reflexionou sobre os retos que terá quen enfrontar a escola para que siga sendo un centro formativo de referencia no ámbito das tecnoloxías industriais e biomédicas. Nesta liña, destacou a necesaria actualización de contidos de materias e plans de estudo, a adecuación da organización e metodoloxía docente para incrementar as taxas de éxito do alumnado e a posta en valor dos recursos humanos e materiais “para poder ofrecer tamén formación continua ás persoas egresadas e ás empresas”.
Lupeon, emprendemento de éxito desde a enxeñaría industrial
O acto, guiado pola subdirectora de Proxección Institucional e Alumnado, Xanel Vecino, arrancou coa intervención de José Luis Mandayo, director xeral de Lupeon, empresa fundada en Ordes no 2023 por dous mozos enxeñeiros (Mandayo e o seu primo Adrián Sánchez) tras saír das aulas da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. Agora, pouco máis de 10 anos despois e tras recibir diferentes premios ao emprendemento (entre eles o Emprendedor XXI Galicia outorgado por La Caixa e o Galicia Spin Off), Mandayo recordou na festividade do patrón da escola na que se formou como foron os inicios e o camiño que os levou a converterse nunha firma líder na fabricación de pezas e compoñentes para a industria usando tecnoloxía de impresión 3D ou fabricación aditiva.
Múltiples recoñecementos para o alumnado, o PDI e o PAS
Na mesma liña de pór en valor as iniciativas e o emprendemento que xurde na EEI, houbo tamén un agarimo especial para as alumnas e alumnos da escola que dedican boa parte das súas enerxías a levar adiante un proxecto emprendedor e que o fan ao abeiro dalgunha das tres iniciativas estudantís con presenza na escola: UVigo Motorsport, UVigo Space Lab e CES UVigo, tres proxectos que xurdiron da unión entre o alumnado das diferentes escolas de enxeñaría cos que se está a amosar á sociedade a valía das enxeñeiras e enxeiras que están a formarse nas aulas da UVigo en tres ámbitos clave para o futuro da economía galega: a automoción, a enxeñaría aeronáutica e as enerxías limpas.
No recoñecemento aos docentes mellor valorados polo alumnado recolleron cadanseu galardón Alejandro Fernández Villaverde, Joaquín López Fernández, Miriam López Álvarez, José Manuel Santos Navarro, José Ramón Fernández García e Marta Sestelo Pérez.
No caso dos mozos investigadores da EEI destacouse o papel de Javier López Bertolo, David García Rodiño, Pablo Marino Fernández Abraldes, Diego Ríos Castro, Antonio Diéguez Vázquez. En canto ao Persoal de Administración e Servizos recolleron cadanseu diploma Ana Belén Ramos Alleres, Marta Seoane Vieitez e Mª Beatriz Varela Fernando.
Seguindo a tradición, fíxose tamén un pequeno recoñecemento aos profesores que este ano cumpren 30 anos de antigüidade como docentes: José Fernández Seara, Juan Sáez López, Julio Garrido Campos, Jesús Doval Gandoy e Camilo Carrillo González.