DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto conta coa participación de once institucións de sete países

O equipo liderado desde a UVigo que estuda o impacto do cambio climático nas capas altas da atmosfera reúnese no Instituto Internacional de Ciencias Espaciais

O seu responsable é o físico do campus de Ourense Juan Antonio Añel

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 26/04/2024

Desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel desenvolve un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa segunda xuntanza, na que avalían os avances feitos no seu traballo.

No proxecto participan once institucións de sete países, estando ademais da UVigo a Universidade de Oxford, a Nasa, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR), o Centro de Investigación Antártica de Reino Unido, a Charles University de República Checa, o Instituto Nacional de Investigacións Avanzadas da India, o Instituto Meteorolóxico de Finlandia, o Instituto Meteorolóxico dos Países Baixos e a Universidade de Leeds. Por parte da Universidade de Vigo están Juan Antonio Añel, como líder do proxecto, e Laura de la Torre, do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e tamén docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

Obxectivos e avances

Os obxectivos marcados no proxecto son varios. En primeiro lugar, lembra Juan Antonio Añel, está avaliar “en que estado nos atopamos para monitorizar os impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera, xa que agora mesmo temos unha gran falla de datos e sistemas de observación e as misións de satélite previstas nos próximos anos non solucionan estes problemas”. O coñecemento actual sobre os impactos do cambio climático, comenta o investigador, segue “moi restrinxido” á superficie e á parte máis baixa da atmosfera do planeta. O proxecto tamén se propón construír unha base de datos de observacións da atmosfera media para poder estudar mellor ditos impactos e cuantificar o impacto das emisións dióxido de carbono na ionosfera e certas propiedades da atmosfera alta, tales como a densidade de electróns. “Isto é importante porque está afectando á navegación de satélites e ao seu tempo de reentrada na atmosfera e aumentando o tempo de permanencia en órbita do lixo espacial e polo tanto aumentando a súa cantidade”, sinala. Por último, no marco desta iniciativa farase un informe con recomendacións sobre como solucionar estes problemas.

Alén de expor os avances acadados en cada un destes obxectivos polos membros do equipo, Juan Antonio Añel sinala que nesta segunda xuntanza “debido á cantidade inxente de satélites que estamos a pór en órbita, temos  empezado a discutir os impactos que a reentrada de todos eles na atmosfera pode ter sobre o medio ambiente debido aos compoñentes químicos que se liberan cando se queiman na atmosfera”. Tamén, engade, “seguimos preocupados pola falta de satélites e sistemas de medida para observar a alta atmosfera, traballando para apoiar misións candidatas a ser lanzadas pola Axencia Espacial Europea que poderían axudar a paliar esta situación, como CAIRT ou KEYSTONE e CHESS, da Universidade de Berna e tamén co apoio da ESA e a Federación Astronáutica Internacional”.