Nunha actividade programada para o vindeiro martes pola Área de Benestar, Saúde e Deporte
ExploraCampus convida a correr pola illa do Covo
Esta "quedada running" mantén aberta a súa inscrición ata o domingo
Nun contexto de restricións no aforo das instalacións deportivas, a Área de Benestar, Saúde e Deporte impulsou o programa ExploraCampus, unha iniciativa dirixida a fomentar a práctica de actividade física ao aire libre que se puxo en marcha no mes de marzo no campus vigués e á que se sumou nas últimas semanas o de Pontevedra. Despois de organizar unha ruta cicloturista pola contorna de Bora e das marismas de Alba e outra de sendeirismo no río dos Gafos, que cubriron en ambos casos as prazas ofertadas, para o vindeiro martes programouse unha "quedada running" que terá como escenario a illa do Covo. De carácter gratuíto e aberta ao conxunto da comunidade universitaria, a actividade manterá aberta a súa inscrición ata a noite deste domingo na plataforma CampusActivo.
Segundo explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte Gustavo Loureiro, realizarase un percorrido aproximado de 5,8 quilómetros “cunha dificultade mínima e a un ritmo suave, coa idea de que sexa apta para todos os públicos”. Debido á situación sanitaria, a actividade estará aberta a un máximo de seis participantes, mais no caso de que se cubran todas as prazas abrirase unha lista de agarda de cara a organizar unha segunda quenda da iniciativa. As e os participantes, que se reunirán ás 17.45 na entrada do Pavillón Universitario, deberán levar calzado adecuado, auga e algunha peza de froita, así como gorra e protección solar se o día é solleiro.