DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Formada por 40 fotografías de especies citadas pola escritora

Unha exposición amosa no campus o “herbario” que aflora na obra de Rosalía de Castro

Pode visitarse ata o día 12 na entrada do edificio Politécnico

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 05/04/2024

O edificio Politécnico do campus de Ourense acolle estes días a mostra O herbario de Rosalía. Nela pódense ver fotografías dunha selección das herbas, plantas e árbores citadas pola escritora galega ao longo da súa obra. A exposición é unha homenaxe a esta autora e tamén ao vínculo entre literatura e natureza.

A iniciativa é froito da colaboración entre a Universidade de Vigo (concretamente a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística e as vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra) e a Fundación Rosalía de Castro. Nunha visita institucional a ela celebrada este venres, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, salientou e agradeceu esta colaboración e reivindicou o papel dos libros de grandes autores e autoras como fonte para coñecer temáticas moi diversas e non de partida relacionadas, como é neste caso a obra de Rosalía e as especies vexetais. Do mesmo xeito, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense e catedrático da Área de Botánica, salientou a pertinencia de traer esta exposición, “un verdadeiro tesouro”, a un edificio que alberga a Facultade de Ciencias, pondo en valor o seu interese para o alumnado deste centro.

Rosas, herbiñas do camposanto...

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi o encargado de explicar as características da exposición. A súa orixe está nun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela no que se levou a cabo un baleirado completo da obra da escritora galega e se elaborou unha base de datos coas mencións das distintas especies na súa produción poética, en prosa, no seu epistolario e nos seus artigos de prensa. O seguinte paso foi a elaboración física dun herbario con 150 pregos que está depositado na Fundación Rosalía de Castro. Unha selección dese herbario é a recollida en fotografías na mostra que se pode ver agora no campus de Ourense. O proxecto, destacou Angueira durante a visita, é froito do traballo interdiciplinar de María López (filoloxía), Mª Isabel Fraga (botánica) e Miguel Fraga (fotografía).

A exposición consta de 40 imaxes agrupadas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Ademais dun panel introdutorio da mostra, cada unha destas seccións, formada por oito fotos, vai acompañada dunha explicación na que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Completa a mostra un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección de imaxes da totalidade dos pregos do herbario.

Tras estar no campus de Ourense ata o 12 de abril, a exposición continuará o seu itinerario no campus de Pontevedra (do 16 ao 26 deste mes na Escola de Enxeñaría Forestal) e no de Vigo (do 30 de abril ao 10 de maio, no edificio Redeiras).