DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas promovidas pola Asociación Galega de Produtoras Independentes

A Facultade de Comunicación percorre 30 anos de audiovisual galego

Coa participación de cineastas e outros profesionais do sector

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/04/2024

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario. Coa participación, entre outros, do director Alfonso Zarauza e do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro P. Becerra, estas xornadas formativas permitiron ao alumnado de Comunicación Audiovisual afondar nos inicios da produción independente na comunidade, para logo debater sobre os grandes fitos acadados polo cinema galego e a importancia da internacionalización e, finalmente, pór o foco no “gran momento creativo que atravesa o sector, no que as mulleres teñen unha importancia capital”, como sinalaron desde esta asociación.

“Facer cinema en Galicia era un soño”

Baixo o título de 30 anos de Agapi. 30 anos de produción independente galega, a xornada arrancou co relatorio Como chegamos aquí. Os inicios do audiovisual galego, de Alfonso Zarauza, quen abordou a súa propia traxectoria como cineasta, “moi ligada”, lembrou, a da propia Agapi. Recoñecido ao longo da súa carreira profesional con varios premios Mestre Mateo, como os nove acadados en 2021 pola longametraxe Ons, Zarauza realizou a súa primeira curtametraxe en 1994, o ano de creación da asociación, nun momento no que “facer cinema en Galicia era como un soño”. Nese senso, lembrou que en 1989 realizáronse as tres primeiras longametraxes galegas, Urxa, Continental e Sempre Xonxa, pero “eran longametraxes feitas enteiramente con equipo técnico traído de fóra”, posto que “non había xente preparada para facer cine en Galicia”. Foi a partir de 1994, explicou, cando comezaron a establecerse as “bases” do futuro sector, coa nacemento das primeiras asociacións, dos centros formativos ou coa realización, en 1996, da primeira serie de televisión producida en Galicia. 

Nese senso, Zarauza sinalou “dous grandes períodos” na evolución do audiovisual galego, un primeiro que abrangue desde aqueles primeiros anos ata a crise de 2008 e un segundo que vai desde comezos do século XXI ata a actualidade. A primeira etapa, sinalou, caracterizouse por proxectos “producidos minoritariamente por produtoras galegas” e por un “tipo de cine que quedou borrado doa crise”. Pola contra, “a partir de 2005, co bipartito, cambian as tornas e xéranse unhas novas dinámicas que enxendran o que temos agora”, sostivo o cineasta, que cualificou esta segunda etapa como “moito máis frutífera”, na que “hai moito tipo de producións e na que madurou realmente o sector audiovisual galego”.

Da profesionalización do sector ao momento presente

Promovidas co apoio da Deputación da Coruña, estas xornadas formativas, que Agapi desenvolve nas tres universidades galegas, continuaron cunha mesa de debate sobre o proceso de profesionalización do sector, na que interviñeron o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro P. Becerra, e Víctor Sierra, da Asociación Galega de Guionistas. Baixo o título de Mulleres directoras: voces necesarias, o terceiro faladoiro contou coa participación da cineasta e profesora da Facultade de Belas Artes Xisela Franco e da directora Anxos Fazáns, egresada da Facultade de Comunicación. Finalmente, a xornada pechouse ollando cara o futuro e afondando nas “novas produtoras e modelos de produción”, nun coloquio con Álvaro Liste, de Serea Films, e Alberto Díaz, de Mordisco Films.