DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con tres conferencias de temáticas novidosas nos eidos mercantil, penal e procesual

A Facultade de Dereito organiza un curso de actualización xurídica

É unha das citas formativas anuais do centro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Académica
DUVI Ourense 12/04/2024

Cada ano a Facultade de Dereito do campus de Ourense organiza un Curso de Actualización Xurídica centrado en temas de carácter transversal e/ou de actualidade en diferentes áreas do dereito e destinado a mellorar a formación do seu persoal docente e investigador e alumnado. Se en ocasións anteriores, esta formación artellábase en diferentes conferencias que se celebraban ao longo de varios meses, nesta edición o centro optou por unha única xornada con tres conferencias que tivo lugar este venres. Nela abordáronse temas de actualidade nos eidos do dereito mercantil, o penal e o procesual.

O obxectivo deste curso, indican desde a súa organización, foi ofrecer unha formación multidisciplinar ao persoal docente e investigador e alumnado da Facultade de Dereito e ás persoas interesadas e actualizar os seus coñecementos en temáticas xurídicas alleas ás especialidades de cada un, pero, a miúdo, necesarias para a aproximación e a análise de cuestións complexas. A iniciativa, na que se implican as diferentes áreas presentes no centro, tamén quixo fomentar o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade e ser un foro de diálogo.  

Retribucións, protección e violencia de xénero

A primeira das intervencións levou por título A vinculación da retribución dos administradores das sociedades a obxectivos de sostibilidade. Foi ofrecida por Antonio Roncero, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad de Castilla-La Mancha, e presentada pola profesora e vicedecana da Facultade de Dereito Francisca Fernández Prol e por Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo. Na súa intervención, o xurista falou “dunha tendencia actual en materia de fixación da retribución, principalmente de conselleiros de grandes compañías, vinculada á consecución de obxectivos de sostibilidade”. Nun contexto no que “está de moda o sostible”, indicou, unha medida para acadar que as empresas orienten a súa xestión cara a sostibilidade é que as retribucións de quen as dirixa dependa en maior ou menor medida da consecución deses obxectivos de sostibilidade. Se esta é a teoría, aclarou o convidado, “o que acontece é que na práctica isto non é exactamente así” e sucede que se fixan obxectivos de sostibilidade “moi difusos, moi xenéricos, dificilmente controlables” que “ao final permiten que algúns destes grandes directivos consigan parte da súa retribución facilmente e sen control”.

A programación do curso incluíu dúas conferencias máis: O dereito penal ante a protección xusta dos cidadáns e os límites e garantías, a cargo de Diego-Manuel Luzón, catedrático emérito de Dereito Penal da Universidad de Alcalá, presidente de honra da FICP e profesor honorario da facultade anfitrioa, e Últimas actualizacións do proceso penal en materia de violencia de xénero, de Amaya Arnáiz, profesora titular de Dereito Procesual da Universidad Carlos III de Madrid.