DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu este luns e martes o III Foro Xurídico Brasileiro

Medio cento de xuristas hispano-brasileiros debaten no campus os impactos da Intelixencia Artificial no Dereito

Abórdanse cuestións como IA e liberdade de expresión e de pensamento, propiedade industrial…

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Visitas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/04/2024

Algo máis de medio cento de xuristas hispano-brasileiros están a participar esta semana na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no III Foro Xurídico Brasileiro, unha cita que se consolida e que nesta ocasión trae ao campus o debate arredor do impacto que a Intelixencia Artificial (IA) ten no Dereito. Chegados de diferentes universidades de Brasil, Portugal e da propia Universidade de Vigo o encontro conta cun extenso programa no que se afonda en temáticas tan variadas como variados son os impactos da IA no Dereito.

Protección de datos e desafíos do poder xudicial, novos retos para o dereito electoral, consecuencias para  a liberdade de expresión e pensamento, propiedade industrial no mundo virtual ou novas perspectivas para o mundo do traballo son algún dos temas que se trataron ao longo deste luns e martes.

“Con este encontro queremos crear un espazo multidisciplinar no ámbito xurídico para o intercambio das investigacións e experiencias profesionais relacionadas cos avances tecnolóxicos da sociedade da información e coa protección dos dereitos fundamentais”, explica a profesora María Hylma Alcaraz, xunto a Juan Antonio Hernández Corchete, Noemí Gestoso e María José Bravo Bosch, os catro docentes responsables na UVigo do comité organizador, equipo do que tamén forman parte outros tantos investigadores brasileiros pertencentes á Universidade Estadual de Santa Cruz, Universidade Federal de Bahía, Universidade do Estado de Bahía ou a Orde dos Avogados de Brasil.

En colaboración con prestixiosas entidades profesionais

A apertura do encontro, celebrada este luns, contou coa participación da profesora María José Bravo Bosch, en representación do equipo de goberno da Universidade de Vigo; o decano do centro, Francisco Torres; Gabriela Sousa Rego Pimentel, proreitora da Universidade do Estado de Bahía; Clodoaldo Silva da Anunciaçao, en representación da Universidade  Estadual de Santa Cruz, e Juan Antonio Hernández Corchete, en nome do comité organizador.

“Esta actividade ten un valor adicional en termos de transferencia de coñecemento á sociedade e de colaboración con prestixiosas entidades profesionais, como a Asociación de Maxistrados de Bahía e a Asociación do Ministerio Público de Bahía, así como de outras entidades universitarias brasileiras e portuguesas”, explica o profesor Hernández Corchete, quen fixo fincapé na importancia deste tipo de actividades no proceso de internacionalización da Universidade de Vigo.