DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra e a da Universidad de León

A Miteu estréase en Vigo chea de ‘Estupidez Artificial’ e ‘Sangre Carbón’

A vindeira semana actuará a compañía colombiana Sin Mente Teatro e a aula do campus de Vigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 19/04/2024

Con moita Estupidez Artificial e Sangre Carbón. Así foi a estrea da XXVI Miteu de Vigo, unha edición caracterizada polo regreso á mostra das compañías de fóra de Galicia. As representacións arrancaron esta semana con notable éxito de público coa obra ‘Estupidez Artificial’, da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra, e de Sangre Carbón, da compañía Teatro El Mayal da Universidad de León.

A estrea foi o mércores coa obra Estupidez Artificial, dirixida por Omar Ferrín e Salvador del Río, unha peza que trouxo ao escenario do Vidal Bolaño un tema tan actual como o da Intelixencia Artificial, ferramenta chamada a revolucionar a maneira que os seres humanos teñen ou terán de relacionarse. Xa o xoves cambiouse o acento galego polo castelán coa representación da obra Sangre carbón, da Universidad de León, peza dirixida  por Javier R. De la Varga, na que se achega ao público a historia dunha transgresión: a que comete Mara, a súa protagonista, para salvar a vida da súa irmá Marusina, “unha viaxe ao interior da terra e tamén ao fondo de si mesma, unicamente por amor”.

Novas representación para o martes 23 e mércores 24

A vindeira semana volverase contar con dobre representación. O martes 23 será o día máis internacional coa participación da compañía colombiana Sin mente teatro, que representará Tomás, cuando el silencio es complicidad, dirixida por Germán Frasio Montegimeno e interpretada por Diana Rocha Torres, Edna Rocío León e Diego Cañón. A través da linguaxe corporal, actoral, visual, musical e o manexo de monicreques, esta obra brindaralle á persoa espectadora unha posta en escena cargada de imaxes e sensacións que transitan entre alegrías e penas.

O mércores 24 será a quenda dos anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, que representará Soño dunha noite de verán, baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa e coa participación dun elenco composto por máis dunha ducia de actores que levan meses preparándose para esta actuación.